A Mostra de Teatro Universitario de Ourense contará todas as aulas universitarias teatrais da Galiza

A 29ª edición conta cun total de 29 espectáculos.
Presentación da 22ª edición da Miteu. (Foto: UVigo)
photo_camera Presentación da 22ª edición da Miteu. (Foto: UVigo)

Desde o 11 de abril e até o 9 de maio, a cidade de Ourense acolle a celebración da 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), que contará con 23 espectáculos de teatro, música e danza, ademais de formación.

A cita foi presentada esta cuarta feira, 3 de abril, no Teatro Principal de man de representantes das entidades patrocinadoras e organizadoras, estando Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Fernando Dacosta, director da Miteu e das aulas teatrais do campus; César Fernández, vicepresidente da Deputación; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; Marcos Vázquez, director da área de Cultura e Deporte da Deputación de Ourense; Sandra Quintas, xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta en Ourense; José Luis Troitiña, xerente do Liceo; Budiño, músico que presentará o seu novo disco na Miteu, e Luis Portabales, fundador de Cervexas Esmorga. Nas súas intervencións subliñaron a relevancia desta mostra “froito do traballo colaborativo das diferentes institucións”, tal e como apuntou o vicerreitor do campus, que puxo en valor a calidade dun certame que, lembrou, constitúe “un evento moi importante para Ourense”.   

Fernando Dacosta foi o encargado de expor as características desta edición, agradecendo de xeito especial o compromiso das institucións implicadas na súa celebración e pondo en valor a traxectoria desta mostra. A 29ª Miteu contará con 23 espectáculos, ademais de animación e promoción de rúa e un curso sobre a expresión do clown. Haberá presenza de grupos de Mozambique, Colombia, Portugal, Navarra, Castela e León, Madrid, Estremadura, Euskadi e a Galiza, estando representadas todas as aulas universitarias teatrais galegas.

A programación, que se desenvolverá en diferentes espazos da cidade, contará coa participación de 14 grupos de teatro universitario e 9 de teatro profesional, entre eles Alberto Sanjuan, Quico Cadaval e Aldaolado.

A música tamén terá un protagonismo destacado, con concertos de Budiño, que estreará o seu novo disco Branca vela; Factoría de Subsistencia, The Tetas Van e O Sonoro Maxín. Igualmente haberá espectáculos de danza das aulas dos campus galegos e dunha compañía de Mozambique e unha gala de Pallasos en Rebeldía cuxa recadación irá destinada a Gaza Stars Circus School.

O premio da 29ª Miteu será este ano para o Cine Clube Padre Feijóo "polo seu labor fundamental dentro da cultura" da cidade de Ourense. Ao longo dos días de programación actuarán as aulas de teatro da Universidade de Vigo. Do campus de Ourense participarán as aulas Rosaura, Cordelia e Maricastaña, que pechará esta edición con Desequilibrios. Ademais, intervirán as Aulas Universitarias da Coruña, Santiago, Lugo, Vigo e Pontevedra.

Comentarios