Contracultura

Clara Gayo e Eva Alonso: "'As damas de Ferrol' trata de dúas mulleres que viviron situacións de moita violencia"

A produtora Eva Alonso (Compostela, 1982) e a directora Clara Gayo (Vigo, 1971) son dúas das involucradas en 'As damas de Ferrol', unha revisión do texto teatral de Eduardo Alonso unida a todo un proxecto que vén de ser recoñecido co Premio de Igualdade Luísa Villalta da Deputación da Coruña.
Clara Gayo (terceira pola esquerda) e Eva Alonso (quinta pola esquerda) co resto do equipo. [Foto: Nós Diario]
photo_camera Clara Gayo (terceira pola esquerda) e Eva Alonso (quinta pola esquerda) co resto do equipo. [Foto: Nós Diario]

—Como foi o proceso de revisión do texto orixinal de As damas de Ferrol?
Clara Gayo: A compañía Teatro do Noroeste deume o texto As damas de Ferrol, escrita hai 20 anos, e con toda a liberdade do mundo pedíronme que dirixira ese espectáculo. O primeiro que fixen foi acomodar e adaptar o texto a estes tempos. Mantiven o texto de Eduardo, as súas personaxes, o que lles acontecía, as ideas que el propuña no texto orixinal, mais intentei darlle outro ritmo aos diálogos e a vertixe que as personaxes precisaban. Elas, como irmás, están nunha confrontación absoluta constante, con ese odio co que ás veces tratamos a familia e a xente que máis queres.

Recoñezo que busquei os lugares de encontro que o propio texto xa propuña, a súa unidade fronte ao exterior e o maltrato que recibían por parte dos homes. A nivel de estrutura decidín dividir a obra en escenas máis curtas e transicións nas que aproveitei a música de Chefa Alonso e tamén fixen cambios a nivel lingüístico. Foi un proceso moi amábel no que todo o equipo entendeu a miña proposta.

Eva Alonso: A temática que trata o espectáculo é a que realmente propicia as ganas de traballar nun proxecto de igualdade. O texto trata de dúas mulleres que teñen vivido situacións de moita violencia: psicolóxica, física, social... E isto lévanos a pensar en facer algo máis aló coas mulleres da nosa sociedade, que non quede só enriba das táboas. Cando comezamos a traballar neste proxecto, pareceume necesario, como produtora do espectáculo, facelo con compañeiras no equipo. O feito de que ao final foramos maioría mulleres foi a semente deste proxecto de igualdade: a sensación de traballar todas xuntas.

—Cales foron os cambios a nivel lingüístico?
C.G.: Grazas ao feminismo entendemos que a linguaxe fai parte da nosa cultura e tamén da igualdade. O texto contén moitos insultos, e si que os mantiven porque tamén ten que ver coa finalidade da obra, mais quixen darlle unha nova visión a expresións moi estereotipadas que se daban nos nosos tempos. Agora hai moitas cousas que xa temos superadas e xa non era necesario que estiveran no texto. 

—En que consisten as actividades que están dentro deste proxecto?
E. A.: Por unha parte estamos traballando nun documento tipo dossier para que cando cheguemos a facer unha actuación de As damas de Ferrol nalgún concello, comecemos por falar co departamento de igualdade, tratar de facer sinerxías con eles e de ver que podemos achegarnos unhas ás outras. Por outra parte, queremos facer contacto directo coas asociacións de mulleres do concello ao que imos e traballar con elas con ese verxel de traballo. Queremos coñecer máis a súa situación e de como elas entenden as súas circunstancias concretas. E por suposto levalas ao teatro e saber que lles achegou o espectáculo, se mudou a súa visión sobre algo ou se removeu algo.

De aí agardamos sacar moita información e poder facer unha lectura de como están as cousas polos concellos da Galiza. Ademais desta comunicación cara a cara, tamén pretendemos traballar con elas a comunicación dixital, ben de modo anónimo ou non. Unha das patas do proxecto é tratar de buscar ese equilibrio entre a actualidade e a comunicación dixital e as distintas xeracións que habitan nos concellos.

Comentarios