Comeza en Ourense a 27ª edición da Mostra de Teatro Universitario

Malia os impedimentos postos pola "política cultural" do alcalde da cidade, a Mostra de Teatro Universitario de Ourense regresa ás súas datas habituais cunha programación de dezasete espectáculos que combina obras de grupos universitarios con outras de compañías profesionais.
Leo Bassi participará na Miteu coa montaxe 'Eu, Mussolini'. (Foto: Leo Bassi).
photo_camera Leo Bassi participará na Miteu coa montaxe 'Eu, Mussolini'. (Foto: Leo Bassi).

Despois de dous anos co calendario cambiado por mor da pandemia, a Miteu de Ourense, a Mostra de Teatro Universitario, volve ter lugar nas súas datas habituais. Entre o 1 e o 16 de maio, a 27ª edición dun dos certames con máis raizame da Galiza presenta un programa no que, como é habitual, conviven as propostas do teatro universitario coas de compañías profesionais consolidadas. Entre as primeiras, pasarán por Ourense as de Covilhã (Portugal), Nafarroa, Lugo, Vigo, Pontevedra, Murcia e Burgos; entre as segundas, os coñecidos Pepe Viyuela e Leo Bassi

Nun contexto en que segue a ser protagonista a particular cruzada do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Xácome, contra o mundo da cultura, esta edición terá que realizarse sen o tradicional apoio económico do Concello, o que dificulta o desenvolvemento do certame non só a nivel orzamentario: o Auditorio Municipal, por exemplo, unha das sedes habituais da Miteu, non poderá ser utilizado como escenario. E malia todo, a Mostra exhibe unha envexábel boa saúde, con dezasete espectáculos e unha variada panoplia de actividades paralelas.

“Non contar co Auditorio resulta un obstáculo á hora de programar”, declara Fernando Dacosta, director da Mostra, “mais tamén reforza outra vocación da Miteu que é a de chegar a espazos pouco explorados da cidade. Neste ano, por exemplo, a Mostra estará presente no Liceo, no Campus, no Café Auriense, en diversas rúas da cidade e mesmo no palco da música. Son lugares nos que se adoita reparar moi pouco e sobre os que paga a pena chamar a atención polas posibilidades que ofrecen. Noutros casos, como o do pasarrúas que abría a Mostra cada ano, estamos pendentes dos permisos municipais: a postura do Concello ante a Miteu e ante outras moitas manifestacións da vida cultural da cidade dificulta moito a organización de calquera evento”.

Apoios e complicidades

Esa actitude do Concello, porén, propicia tamén complicidades como a que a Miteu estabelece co festival de danza Corpo(a)terra, outro dos grandes prexudicados pola política cultural de Xácome. “Hai anos que existe unha colaboración entre ambos os festivais a través da compañía Traspediante, que organiza o festival Corpo(a)terra e que dirixe tamén Doutras, a Aula de Danza do Campus de Ourense, e que recuperamos agora que as restricións pola pandemia desapareceron case por completo. E claro, a desfeita perpetrada por este alcalde no mundo da cultura, revive o espírito de colaboración entre festivais e favorece o traballo en equipo”, explica Dacosta. 

Non obstante, outros apoios fixeron posíbel o desenvolvemento desta edición. Conta Dacosta que ao financiamento xa clásico da Deputación de Ourense e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galiza, sumouse este ano a de Cervexas Esmorga, "cun patrocinio directo e cunha iniciativa de etiquetado especial: durante o que dure a Mostra poderá degustarse a Cervexa Miteu-Esmorga, cuxo consumo tamén repercute economicamente na Miteu. Está moi ben que a iniciativa privada estea xere sinerxías coa cultura".

 

A importancia do teatro universitario

En moitas ocasións, non se valora o suficiente o papel do teatro universitario no conxunto do sistema teatral dun país. Sen ser profesional, crea público, afección e, moitas veces, incrementa o panel de profesionais: da Aula de Teatro Universitario de Ourense saíron, por exemplo, figuras como Tito Asorey, Eva Fenández, Mónica Sueiro ou Sergio Zearreta, por citar algunhas. 

“O curioso do teatro universitario é que está feito por persoas non profesionais, cuxa formación transcorre por outras vías, mais que acaban tecendo lazos co teatro moi variados”, conta Dacosta. Por unha parte, o feito de pensar en que non hai que centrarse nun mesmo senón no que se quere contar, en que estás a realizar un traballo de equipo e en que os conflitos se resolven a través da escoita e do debate, xa resulta unha formación excepcional -case de traballo social- para moita xente". 

"E logo, continúa, "ao estar dirixido por profesionais, apréndese o que é o desenvolvemento completo dunha compañía. As persoas que participan teñen unha formación limitada respecto do que sería unha Escola de Arte Dramática, mais teñen en cambio esa aprendizaxe completa do funcionamento profesional: á formación séguelle a montaxe dunha obra e a súa representación, co cal deben educarse en todos os pasos da creación dun espectáculo, desde a carga da furgoneta até a confrontación co público, pasando por todos os chanzos da creación artística propiamente dita.

Homenaxes a Jaime Mateo e a Moha

A nova edición da Miteu rende homenaxe a dúas persoas. Por unha parte, o recentemente falecido Jaime Mateo, músico que estivo en moitas bandas e que pasou pola Aula de Teatro. E logo, Mohamed Azibou, Moha, un coñecido hostaleiro marroquí estabelecido na Galiza. "É célebre porque sempre invitaba a cear ás compañías que estreaban", lembra Dacosta, "pero nós coñecémolo como actor da Aula de Teatro de Pontevedra. Logo traballou como intérprete de grupos árabes que pasaron pola Miteu. E ademais foi un lazo de unión fundamental para que a Aula de Teatro de Ourense puidese ir a Marrocos e que algúns grupos dese país puidesen vir aquí. Ese labor que desenvolve é moi pouco coñecido e desde a Mostra quixemos polo en valor para recoñecer, con esta homenaxe, un traballo calado e que leva realizando desde hai moitos anos".

Comentarios