A 'Branca vela' de Budiño xa navega

O músico de Moaña canta por vez primeira nos dez temas.
Budinño e De Vacas na gravacioìn de "Fonte de Amorar".
photo_camera Budinño e De Vacas na gravacioìn de "Fonte de Amorar".

Budiño vén de lanzar ao mercado o seu novo disco, Branca vela, que conta coa participación vocal, instrumental e letrista de importantes artistas galegos como Leilía, Guadi Galego, Manuel Rivas, De Vacas e o coro Aires da Terra. Branca vela inclúe dez cancións nas que por primeira vez o músico e compositor de Moaña combina a interpretación da gaita coa vocal en todos os temas. O disco pode escoitarse e verse xa en todas as plataformas musicais. 

Branca vela xoga coa cor do seu principal instrumento (Budiño case sempre interpreta cunha gaita branca), co velame das dornas e o lume dos cirios que aparecen no tema principal, gravado na capela do Hostal dos Reis Católicos (Santiago de Compostela) xunto co grupo Leilía. Todas as composicións levan a autoría de Budiño, coa excepción das letras das pezas “Tren hotel” (letra de Antía Otero) e “O tolo de abril” (letra de Manuel Rivas). 

Budiño avanza na súa aposta de mesturar elementos clave da música de raíz, como a gaita e a percusión tradicional, coa electrónica para a creación de novos sons. En Branca vela Budiño se consolida como o gaiteiro que canta e onde mestura gaita, voz e otros instrumentos en todas as interpretacións.

“O disco nace da exploración de levar os instrumentos típicos da nosa música a novos espazos. A gaita segue na base, pero mesturase tamén con outros elementos. Temos que deixar atrás a idea de que a gaita debe estar sempre soa e reivindicar que se mesture con outros sons e sen etiquetas específicas. Crear unha canción é contar unha historia en 60 segundos para engaiolar, sen importar o instrumento ou o xénero musical” explica. 

 

26 anos dedicados á música 

Logo de explorar durante décadas a gaita como instrumento principal, Xosé Manuel Budiño é o primeiro dos gaiteiros galegos en explorar a voz como instrumento no seu álbum Fulgor (2019). Como artista, nos últimos 26 anos ten levado a música galega a 25 países e actuado en Shangai, Damasco, Beirut, Casablanca, Frankfurt, Milán, Glasgow ou México DF, entre moitas otras cidades.

Budiño ten colaborado cun cento de músicos na súa carreira e compartido cartel e escenario con artistas como Van Morrison, Kepa Junkera, Jerry González, Jorge Pardo, Capercaillie ou a Orquestra Sinfónica de Lorient entre outros.  

Comentarios