Unha mostra recolle a presenza de artistas da Galiza na "movida madrileña"

A Casa Museo Casares Quiroga acolle a exposición fotográfica 'A invasión galega da Movida Madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola' desde mañá 31 de agosto ata o 4 de outubro.
A fotógrafa Mariví Ibarrola cos membros de Siniestro Total.
photo_camera A fotógrafa Mariví Ibarrola cos membros de Siniestro Total.

Aínda que o nome de Marivi Ibarrola non soa tanto como o dos seus colegas Alberto García-Alix, Miguel Trillo ou Ouka Leele, esta artista, xornalista e fotógrafa tamén posúe un gran legado fotográfico sobre o Madrid dos anos 80. O seu arquivo, que se compón duns 30.000 negativos, é un tesouro no que aínda queda moito por descubrir. De momento,  a exposición A invasión galega da Movida Madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola reúne unha combinación das imaxes das bandas e artistas máis coñecidas dese importante movemento cultural e social, que transmiten o ruído, a enerxía e a actitude da altura.

 A Casa Museo Casares Quiroga da Coruña inaugura hoxe, ás 19.30 horas, esta mostra, que se poderá ver até o 4 de outubro, dentro da programación da sexta edición do Ciclo Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade, Elas Son Artistas. Silvia Penide interpretará dúas cancións ben coñecidas daquela etapa para pechar o acto.

Con esta exposición, organizada en colaboración co Concello da Coruña, existe a posibilidade de viaxar 40 anos atrás. A invasión galega da Movida Madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola mostra unha combinación das imaxes das bandas e artistas máis coñecidas daquel movemento cultural e social xunto coa presenza da comunidade artística galega que tamén foi protagonista daquela etapa en Madrid. Artistas de diversas disciplinas artísticas que influiron en cancións e tiveron un importante protagonismo. 

Mariví Ibarrola é unha fotoxornalista de La Rioja que chegou a Madrid a finais dos anos 70 para estudar e tamén para empaparse do que estaba a suceder. Decidiu achegar a visión desde a súa cámara con intención de documentar algo que sabía que tería repercusión máis alá das paredes de lugares como a sala de concertos Rock-Ola. 

 

A invasión galega 

Na exposición poderán contemplarse imaxes dos que as organizadoras denominan "invasión galega": Siniestro Total -protagonistas da imaxe promocional da exposición na que aparecen disparando a Mariví-, Antón Reixa, Antón Patiño, Menchu Lamas (a única muller galega que se ve na mostra), Victor Aparicio, Germán Coppini... 

Ademais, a exposición complétase con fotografías doutros artistas e bandas daquela época como Radio Futura, Parálisis Permanente, Derribos Arias ou Kike Turmix, e tamén dalgúns artistas internacionais como David Bowie, Andy Warhol ou Joe Strummer.    

 

Comentarios