Albums de aquí e acolá / Silvia Penide

“Uxía e Narf recollen toda a pureza que se poida imaxinar”

Silvia Penide (A Coruña, 1979) navega entre varias augas. Canción de autora, pop acústico, ás veces certo folk anglosaxón. Tres discos e unha interminábel secuencia de concertos por toda Galiza e parte do exterior apontoan unha traxectoria cuxa última estación chámase Todo pintado de plata (2016).

silvia penide
photo_camera A cantautora Silvia Penide.

family - un soplo en el corazón (1993)

É xustamente este título o que serve a Penide para escoller -case sen o pensar- o seu álbum internacional de referencia: Un soplo en el corazón (1993), dos vascos Family. A canción que o abre, La noche inventada, contén os versos que inspiraron á coruñesa: “Yo teb daré las estrellas y tú las pintarás de plata / píntalo todo de plata”.

“Para min este disco é mundial”, explica, “cancións moi bonitas, algo que parece moi doado pero non o é tanto”. O Sonido Donosti do que Family foron bandeira e ao que se adscribiron bandas como Aventuras de Kirlian, Le Mans ou La Buena Vida, caracterizouse polo pop bretemoso, a incorporación lene da electrónica e modelos sobre todo británicos.

De entrada, Family semella habitar territorios afastados da música de Penide. “Mais, se prestas atención”, explícase, “as letras, a maneira de concibir os espazos, como escribo, si teñen relación”. A introspección, certo confesionalismo cruzado de poética melancólica, son elementos compartidos polo indie pop de Family -pioneiros no Estado da etiqueta- e a cantautora.

uxía & narf - baladas da galiza imaxinaria (2015)

Que tamén escolle sutileza, materiais delicados, no seu disco galego para Albums de aquí e acolá: Baladas da Galiza Imaxinaria, a peza que facturaron en 2015 Uxía e o falecido Narf. “Esta obra recolle toda a pureza que se pode imaxinar”, emociónase, “é puro e limpo, vai á raíz”.

O que foi o derradeiro traballo discográfico de Narf, loado por artistas con Santiago Auserón -quen asinaba as notas interiores-, recollía letras de Castelao, Lorca, Curros Enríquez, Pepe Sendón, Rosalía de Castro e o propio Fran Pérez, Narf. De instrumentación austera -basicamente, guitarra eléctrica e voz de Uxía-, abría “un espazo emocional, que vai alén do puramente xeográfico, que latexa vivo e fértil, no interior de moitas almas espalladas por todo o mundo”.

Comentarios