A mostra 'Plástica castrexa' introduce a cultura visual dos galaicos en Ourense

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense expón na sede de Afundación da cidade das Burgas un total de 75 obras que representan desde a Idade do Ferro até a primeira romanización. A súa intención é achegar a visión plástica desa cultura á cidadanía. 
Cabezas castrexas que se poden ver na exposición (Foto: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense).
photo_camera Cabezas castrexas que se poden ver na exposición (Foto: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense).

Un total de 75 esculturas de pedra da cultura visual galaica -entre as que destacan algunhas moi coñecidas como os guerreiros, os sedentes, as cabezas cortadas e varios elementos arquitectónicos- poden verse na exposición Plástica castrexa na sala de Afundación de Ourense até o 26 de febreiro.

A mostra está organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e fai un percorrido didáctico  pola arte e os motivos decorativos en pedra da Idade do Ferro e da primeira romanización

Mostra de pezas atopadas en varios castros

A exposición aproveita o amplo conxunto de pezas localizadas en castros de concellos como Armea (Allariz), Castromao (Celanova), Rubiá (Bande) ou Outeiro de Baltar (Baltar) que garda o Museo Provincial. Reunidos a partir de conceptos temáticos e da súa funcionalidade, a mostra permite apreciar dúas das grandes características da plástica galaica: a súa singularidade e a especificade como conxunto artístico e simbólico e, ao tempo, a súa conexión con outras culturas e formas de representación da Idade do Ferro. 

A exposición iníciase con figuras tan coñecidas como os guerreiros galaicos, entre os que se atopan os de Armea, e cabezas hoxe exentas que poden estar relacionadas con ese mundo de representación, e da que a máis coñecida é a do guerreiro de Rubiá (Bande)

Ao pasar á planta inferior da exposición os motivos son figurativos. Os protagonistas, desta vez, son os trísceles, os entrelazados e algúns motivos serpentiformes que se enlazan e cruzan, localizados no seu momento nos derrubes de certas vivendas e construcións. 

A mostra remata cun conxunto de pezas moi diversas, nas que aparecen esveltos amarradoiros, representacións dun carneiro e un cocho moi naturalista, de funcionalidade aínda moi discutiva, ou o misterioso simio, de traza enormemente naturalista, localizado no castro de Castromao (Celanova).

O final son tres sedentes localizados na Limia, postos en relación coa familia dos sedentes ibéricos do levante peninsular. As tres figuras, descabezadas, están sentadas en elaboradas cadeiras con trisqueis e vasos con ofrendas.

A exposición Plástica castrexa, ademais, conta cunha serie de actividades preparadas especificamente para o alumnado de centros educativos de infantil, primaria e bacharelato. Alén de visitas guiadas específicas preparadas para  diferentes idades, a mostra propón varios obradoiros para achegar estas obras a todos os públicos.

Comentarios