A Galiza conta cun mínimo de 4.108 castros nos seus 313 concellos

70% das parroquias galegas dispoñen cando menos dun asentamento castrexo.
Relación de castros existentes nos concellos galegos en base aos datos achegados por Xabier Moure. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Relación de castros existentes nos concellos galegos en base aos datos achegados por Xabier Moure. (Foto: Nós Diario)

A densidade dos castros galegos vén sorprendendo desde hai máis dun século as investigadoras e investigadores. A este respecto, o historiador Xabier Moure Salgado, autor do blog O noso patrimonio e voceiro de Patrimonio dos Ancares, sinala que “A Galiza ten unha media dun castro por cada seis quilómetros cadrados, contando cun ou máis asentamentos deste tipo en 70% das parroquias do país”. Moure considera esta realidade como “unha expresión da importante poboación que tivo a Galiza na época antiga” e lembra que “os historiadores clásicos, estou falando das fontes gregas e romanas, xa sinalaban unha ocupación moi alta do noso territorio, habitados por pobos diversos como os límicos ou os albións”. 

“Cada día aparecen máis castros”, advirte Moure, “hai 30 anos afirmábase que a Galiza contaba con arredor de 2.000 castros e hoxe xa se superan 4.000”. Nese sentido, destaca que “neste momento só o concello de Mondariz Balneario non conta con ningún castro localizado, algo que mesmo non acontece noutro municipio cativo en extensión como Rábade. É certo que A Fonsagrada, con 73 castros, é o concello galego como máis xacementos. Porén, hai outros municipios con moita extensión como acontece coa A Veiga, O Bolo ou Chandrexa de Queixa que contan cun número relativo baixo”. 

A xeografía dos castros

A distribución espacial dos castros no territorio galego presenta destacadas diferenzas. Nesta liña, Moure apunta que “a densidade en toda a zona litoral do norte da Galiza é baixa, presentando moitos máis asentamentos a zona interior. Así, máis de 70% dos castros de circunscricións como A Coruña e Lugo localízanse na metade sur”. Porén, “nas zonas montañosas é onde menos xacementos deste tipo existen, sendo evidente en toda a área que parte da Fonsagrada e percorre Os Ancares, O Courel e as serras ourensás até rematar no Invernadoiro”.

O descoñecemento sobre os castros e a sociedade galega daquela altura segue a ser importante. Segundo Moure, “as orixes dos castros poden situarse no período de tránsito da Idade de Bronce á Idade de Ferro, mais a maioría dos que temos documentados proceden desde o século V e IV antes de Cristo até o comezo da romanización. Aínda así, seguiron poboados e ocupados até os séculos IV e V despois da nosa era, sendo moitas veces estruturas construídas sobre outras máis antigas”. Neste sentido, explica que “unha das razóns principais da falla de coñecemento dos castros está en que só unha parte moi pequena deles foron estudados. Podemos falar de pouco máis de 100 castros estudados para 4.108 asentamentos no país”.

Conservación

O estado de conservación dos castros é desigual. Moure aclara que “a día de hoxe é practicamente imposíbel atopar un castro intacto. Ao longo do tempo, os seus terreos foron empregados para os labores agrarios, sendo espazos moi desexados para sementar cereal por tratarse de zonas de chaira e ben protexidas”. Asemade, lembra que “as pedras empregáronse para erguer vivendas, levantar muros entre as parcelas ou edificar igrexas ou capelas, moitas das cales construíronse sobre estes asentamentos, sexa para cristianizalos sexa por tratarse de lugares de prestixio”. Nesta dirección, salienta que “máis de 80% dos castros teñen ou tiveron un uso agrícola e forestal”.

O arqueólogo e museólogo Felipe-Senén sinala que neste momento “o prioritario é a catalogación, a deforestación e a vixilancia dos castros”. Neste sentido, reclama “políticas claras de conservación e mantemento” e demanda a posta en valor destes xacementos tomando como modelo “as orientación seguidas nas illas Británicas para o caso dos hillfort, onde o primeiro que fan é deforestar arredor destes antigos asentamentos”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios