A 'Mostra de Olaría' que acabou coa 'Mostra da Olería de Buño'

Onte abriu unha Mostra de Olaría en Mapica que, paradoxalmente, non conta cos oleiros de Buño. O conflito entre os artesáns e o Concello de Malpica levou a unha insólita situación na que a olaría que lle dá sentido ao evento está ausente do programa.
Cada ano, os oleiros de Buño preparan unha colección de pezas novas e únicas para expor na Mostra da Olería.
photo_camera Cada ano, os oleiros de Buño preparan unha colección de pezas novas e únicas para expor na Mostra da Olería.

Unha soa vogal separa a Mostra de Olería de Buño (parroquia de Malpica de Bergantiños) -que, XXXVIII edicións celebradas ininterrompidamente chegou a converterse no principal evento cultural do concello- e a Mostra de Olaría que se inaugurou esta quinta feira, paradoxalmente, sen o concurso dos oleiros de Buño, até o de agora protagonistas principais dunha feira que ten o seu fundamento no seu traballo artesanal.

O conflito desatouse despois de varios meses de rumores de desavinzas entre a asociación Olería de Buño e o concelleiro de Turismo de Malpica e organizador da Mostra da Olería de Buño, Alfredo Cañizo Garrido, da Alternativa dos Independentes de Malpica (AIM). O día 8 de xullo, os oleiros fixeron público un comunicado no que anunciaban que non organizarían a mostra até que "Alfredo Cañizo se dea conta do dano que está a facer á nosa artesanía e, por conseguinte, ao pobo de Buño e decida así, en beneficio dun pobo e da súa tradición, desistir do seu empeño de organizar un evento onde nin o queren nin é ben recibido". O edil, pola súa parte, negou que houbese ningún problema, aínda que recoñeceu que ningún dos oleiros se presentou para solicitar as casetas dispoñíbeis para a mostra. 

Olaría versus olería

O conflito aumentou de intensidade cando a concelleira de Olería, Marisol Blanco Gorín, do PP, fixo unhas manifestacións en apoio a Cañizo. Escudándose en que "a mostra organízaa o Concello, non os oleiros", o equipo de Goberno (formado por PP e AIM) mantívose firme na súa decisión de manter a Mostra de Olaría (o cambio de vogal esquivaba o feito de que Olería de Buño é unha marca rexistrada propiedade da asociación dos oleiros) mesmo sen a presenza dos artesáns, que retiraron as súas pezas que tiñan expostas no Centro de Artesanía Tradicional. 

O día 30 de xullo, finalmente, e nunha mostra de unidade do Goberno municipal, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; o edil de Turismo e Festas, Alfredo Cañizo; a concelleira de Olaría, Marisol Blanco Gorín; e o responsábel de Obras, Miguel Ángel Fernández, anunciaban oficialmente que a mostra se desenvolvería do 3 ao 6 de agosto. 

Os oleiros, entrementres, anunciaban que eses días as tendas e os seus obradoiros permanecerían fechados, ao tempo que lamentaban que a concelleira nunca se puxese en contacto "con ningún membro da asociación para interesarse polo que está a acontecer, demostrando así o pouco ou nulo interese que ten pola Olería de Buño”.

A olaría e os oleiros, no centro

Antonio Pereira "O Rulo", presidente da asociación de oleiros explica a Nós Diario que, "como todos os anos, comezamos as conversas co Concello en marzo para organizar a mostra, pero á altura de xuño non conseguiamos que se nos aceptase unha serie de propostas que fixeramos, e o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo, chegou a dicirnos que 'vós propoñedes e nós decidimos'. Isto non é así. O Concello de Malpica participa na organización da mostra por cuestións loxísticas e administrativas, pero iso non o converte en propietario do evento. De feito, o Concello só achega o 20% do orzamento". 

Pereira insiste en que a mostra é un acto promocional no que os artesáns tratan de comercializar o seu traballo. "Isto non é un festival nin unha verbena. Nós organizamos unha serie de actividades paralelas porque pretendemos que a experiencia das persoas que nos visitan sexa agradábel e as anime a volver e a recomendárllela a outras persoas. Pero o que está no centro é a olería, un legado cultural que se mantén vivo grazas ao esforzo das persoas que nos precederon e que merece algo máis de respecto".  

O presidente de Olería de Buño afirma que "a decisión de organizar unha Mostra de Olaría sen a participación dos oleiros é un esperpento, unha falta de respecto á cultura, ao patrimonio, aos oleiros e, sobre todo, aos visitantes, que van vir enganados a un evento que non ten nada que ver coa artesanía que lle deu un nome a Buño", e acrecenta que o ano que vén organizarán a mostra sen o concurso do Concello. "Será máis modesta, porque posibelmente non consigamos os mesmos recursos, pero cos apoios que obteñamos, farémola nós mesmos". 

Un edil polémico

Alfredo Cañizo, pola súa parte, declara a Nós Diario que "desde o 23 de marzo que comezaron as conversas cos oleiros, aceptouse todo o que propuxeron: non coñezo cal é a razón pola que decidiron non ir, e tampouco a deixan clara en ningún dos seus comunicados pero tampouco podo obrigalos a asistir se eles non queren". 

Cañizo é un concelleiro polémico na política recente de Malpica: en setembro de 2021  actuou como motor da moción de censura que afastou o socialista Walter Pardo da alcaldía -que gobernaba á cabeza dun tripartito conformado por 4 edís do PSOE, 2 do BNG e o propio Cañizo como representante de AIM- para devolverlla a Eduardo Parga, do PP. As últimas eleccións municipais do pasado maio deron un resultado idéntico a todas as formacións, polo que o goberno segue nas mans do PP co apoio do agora encargado da Mostra de Olaría. De feito, un dos elementos que enrarecen a situación débese a que sexa el o que está ao cargo da mostra, existindo unha Concellería de Olería.  


Campaña de apoio aos oleiros

A asociación Olería de Buño declara que non participar na mostra suporá unha perda económica e de promoción importante, mais que a unidade dos artesáns arredor da decisión de non participar non está en cuestión. Desde a entidade iniciaron unha campaña nas redes sociais para defender a súa postura e o seu oficio, baixo o cancelo #euapoioaoleriadebuño, que xa conseguiu importantes adhesións, entre outros moitos, do escritor Manuel Rivas ou do Concello de Oleiros.

Comentarios