A morada de Otero Pedraio: Un espazo imprescindíbel da historia do país
Profesor, xeógrafo, historiador, escritor, dirixente e deputado nacionalista manifestou sempre a vontade de que a súa vivenda familiar ficara após a súa morte ao servizo da Galiza. A súa casa do lugar de Cima de Vila, na parroquia de Trasalba, no concello de Amoeiro (comarca de Ourense) é un espazo chave para comprender a súa inxente obra literaria no ámbito narrativo, dramático e poético.
A secretaria da Fundación Otero Pedraio e especialista na figura do escritor, Patricia Arias Chachero, sinala a Nós Diario que "Trasalba é un dos espazos máis literaturalizados da Galiza". Neste sentido, destaca que "Otero recorre moito a súa casa en toda a súa obra até o punto de que Os camiños da vida están ambientados na casa, estando tamén moi presente en Arredor de si. Na mesma dirección, apunta a pegada de Trasalba noutros volumes como O Maroutallo ou na súa novela en español La vocación de Adrián Silva.
A Casa Museo de Otero Pedraio é unha vivenda do século XVIII, construída sobre outra edificación anterior, que chegou ao escritor por vía paterna. A este respecto, Arias Chachero indica que "nunca foi un pazo, era un casa grande de labranza, con moita propiedade, de xente que viviu sempre ligada á terra". O inmóbel, que se pode visitar de luns a sábados durante todas as semanas do ano, conserva algúns dos obxectos máis queridos polo autor, como un exemplar do Mapa de Fontán, que o acompañou nas súas visitas á Arxentina.
Un dos espazos inalterados na casa é o salón. Neste sentido, Arias Chachero lembra que "alí traballaba Otero e recibía as visitas".Nesta liña, apunta que pola casa pasaron os grandes vultos da cultura galega do século XX, significando que "Vicente Risco e López Cuevillas xogaron xa naquela casa de nenos, Noriega Varela viviu alí, de feito Trasalba está moi presente no seu libro Do Ermo e Paco del Riego tivo habitación durante anos" na vivenda.
Sen dúbida algunha, a historia da casa de Otero Pedraio é unha parte da historia do país que debe ser coñecida.
Castelao na casa
A galería da casa de Ramón Otero Pedraio foi deseñada por Daniel Castelao, amigo fiel e camarada de loita desde os anos das Irmandades da Fala, quen visitou a casa en diversas ocasións como lembrou o propio Otero nas páxinas da súa maxistral obra O libro dos amigos. Precisamente, a presenza do dirixente nacionalista morto no exilio en Arxentina paira sobre a casa de Trasalba, onde se conserva a acuarela de Castelao O souto dos gatos así como unha talla de Rivas Brións de Castelao. Non por un casual, Otero Pedraio foi un dos grandes custodios e defensores do pensamento de Daniel Castelao após a morte deste.
O despacho
Un dos espazos máis caros para Ramón Otero Pedraio da súa vivenda de Trasalba foi o seu despacho, onde hoxe se custodian parte dos 7.000 volumes que conforman a biblioteca. A mesma incorpora fondos do escritor de Trasalba, de Xaquín Lourenzo e do xurista e militante nacionalista no período republicano Luís Rivaya.
O salón
A memoria de Ramón Otero Pedraio é o fío condutor dun proxecto expositivo onde as súas lembranzas se xuntan coa historia familiar, onde a súa nai Eladia Pedraio xoga un papel chave. Precisamente, é a súa imaxe é quen preside o salón da vivenda de Trasalba, lugar de conversas dos grandes vultos da cultura galega do século XX.