Os monicreques invaden Redondela

As marionetas ocupan espazos culturais, rúas e prazas da vila dos acuedutos. O Festival Internacional de Títeres de Redondela celebra a súa XV edición e iso nótase en cada un dos seus recunchos. 

.
photo_camera .

A recoñecíbel imaxe de P. Pastor para o festival é o primeiro sinal de que o teatro de títeres é o grande protagonista da actividade de Redondela, en especial, durante os días 24 e 25, datas grandes do programa. 

Programación escolar, espectáculos de rúa e a oferta de salas ademais doutras múltiples propostas integran o programa do festival que ten aberta desde o día 17 de maio a mostra de Ferroluar no Multiusos composta por marionetas metálicas robotizadas que interactúan co público, chatarras que cobran vida que estará aberta até o día 26. O sábado 24, presentarase o cd “Son Titiriteiro”, un traballo no que participan 19 agrupacións musicais locais. 

Organizado pola asociación Xente Titiriteira, o festival conta nesta edición cunha sólida oferta internacional, con compañías de Chile, Francia, Ecuador ou Rusia, algunhas dunha gran relevancia en Latinoamérica.  O tráfico córtase en Redondela para que sexan os milleiros de persoas asistentes as que tomen as rúas, atopando o teatro nas prazas ou soportais da vila. Máis de cen veciños e veciñas participan de maneira voluntaria na organización do festival, que compromete aos máis diversos sectores de Redondela. 

O director do Festival, Luís Crespo, destacaría nesta edición, “en primeiro lugar dúas compañías latinas, que é moi difícil atopar en Europa e é preciso case cazar ao vó. Paga a pena ver os espectáculos de  Titiritainas de Ecuador e Teatro Milagros de Chile” sinala, ao tempo que destaca tamén o interesante programa de rúa con propostas como “Homocatodicus” de L´Excusse Teatre ou “Don Roberto” de SA Marionetas de Portugal ou a italiana Otto Panzer con “AB Normal Life”.

Comentarios