O modelo do festival Espazos Sonoros expórtase a Porto con “In Spiritum”

A empresa galega de xestión cultural, Sirgo Torcendo, producirá o I Festival Internacional In Spiritum- Música e Contemplação na Cidade do Porto que toma como referente o modelo do festival “Espazos Sonoros”. A proposta de música en espazos de interese artístico e patrimonial interesou ás institucións culturais portuguesas. 

Grupo de música antiga 1500

Seis edicións leva xa o festival “Espazos Sonoros”, unha proposta da empresa Sigo Torcendo dirixida por Belén Bermejo que ten como obxectivo a descuberta de diferentes músicas no marco de espazos de interese do noso patrimonio cultural. O programa interesou ás institucións culturais de Porto que encargou a Sigo Torcendo a produción do I Festival Internacional In Spiritum- Música e Contemplação que se desenvolverá do 23 ao 27 de abril en distintos espazos da cidade e que incluirá na súa programación a artistas da Galiza. 

Na rota de música e patrimonio

O festival propón, como Espazos Sonoros, a contemplación do patrimonio histórico e artístico de Porto por medio dunha programación musical que dirixen o organista Marco Aurélio Brescia e a soprano Rosana Orsini que foron quen solicitaron a participación de Belén Bermejo, de Sigo Torcendo, na produción do Festival, seguindo como referencia o modelo deseñado para o festival galego. O obxectivo era tamén incluír a cidade de Porto na rota europea de festivais de música e Patrimonio. 

In Spiritum ofrecerá seis concertos durante a Semana de Pascua que responden, segundo os directores artísticos a un repertorio “amplo, diverso e libre de fronteiras artísticas arti?cialmente constituídas, cunha oferta ampla de posibilidades de expresión e apreciación estética, sempre na liña de favorecer o encontro e a introspección”. Na vontade de que o intercambio cultural vaia alén da produción galega do festival e supoña un paso adiante no intercambio cultural, o programa inclúe a participación de figuras vencelladas con Galiza como o arpista Manuel Vilas ou a organista e profesora do conservatorio de Ourense, Marisol Mendive.

Comentarios