AID, RAPEIRA 

"A mentalidade en EEUU é moito máis aberta, tanto para a música como para o traballo"

Falamos a través de Skype con Aid (Vigo, 1990), a rapeira que o petou a comezos dos anos dez e logo desapareceu da escena para reaparecer en Los Angeles, desde onde segue a facer música. Iso si, deixando lugar para a súa outra paixón, a enxeñaría. 

aid
photo_camera Aid

- Vés de publicar un novo videoclip desde Los Angeles, onde levas vivindo algún tempo. Que foi o que te levou alí? Os estudos ou a música?
- As dúas cousas. Vinme para aquí hai dous anos. Na música pasáronme algunhas cousas que me fixeron plantexarme un cambio de aires. E logo xurdiume unha oportunidade profesional como enxeñeira. Foron as dúas cousas. 

- Agora estás estudando ou traballando?
- Agora mesmo estou rematando un máster, pero tamén traballando e facendo música. 

- Na letra desta nova canción que vés de publicar dis que es enxeñeira para encher a túa mente e rapeira para encher a túa alma. Son as túas dúas caras?
- É unha cara soa e as miñas dúas paixóns, por dicilo así. 

- Pensas seguir compatibilizando ambas as dúas actividades?
- Si, por suposto. Non sei o que virá, pero creo que aínda que fora moi ben na música nunca deixaría a miña profesión, e ao revés: aínda que me fora moi ben na enxeñaría, a miña paixón é a música, e eu sempre farei música. 

- Por certo, dous ámbitos con abrumadora maioría masculina e no caso do rap, ademais ten sona de ser un mundo moi machista. 
- Si, a xente sempre me pregunta, e si, sempre estiven moito máis rodeada de homes que de mulleres. Pero a cousa está a cambiar e alégrome moito. Tamén pasa moito noutros ámbitos, pero algo está a cambiar, e se eu podo servir, aínda que sexa un chisco, para que algunha nena me escoite nalgún sitio e se anime a facer rap, iso para min sería o máis grande. 

Virme a L.A. é a mellor decisión que tomei na miña vida

- Que diferenzas culturais atopaches entre Vigo e L.A., tanto a nivel laboral como musical?
- A verdade é que moitas, algunhas delas inesperadas. Cando chegas cres que xa o miraches todo porque xa o miraches antes nos filmes, pero a verdade é que non. A mentalidade é moito máis aberta, tanto para a música como para o traballo. A pesar de que hai moitas menos leis que protexan o traballador, tamén hai moito máis respecto e moita máis educación cos traballadores. Se fas horas, páganse. E tamén me gusta a mentalidade no rap, é todo moito máis profesional, a xente está preparadísima para facer de todo: desde vídeos a ‘beats’, mesturar, masterizar, a xente xúntase en ‘crews’ que se autoproducen, que teñen xente que fai de todo. Tamén boto moito de menos cousas de Galiza, claro. 

- Por exemplo?
- A comida moitísimo. Moitísimo moitísimo. E a familia e os amigos. E, aínda que non o comparo con aquí, si que teño un pouco de nostalxia polo ambiente do rap, tamén polas pelexas que hai, a competitividade…

- Dis que aquí é máis competitivo?
- Si, non sei a razón. Quizais é porque é un público moito máis reducido, igual é porque nos pelexamos todos polo mesmo público, non o sei. Aquí paréceme todo moito máis deportivo, moito máis amigable. 

A pesar de que hai moitas menos leis que protexan o traballador, tamén hai moito máis respecto e moita máis educación cos traballadores. 

- Aquí o rap é un xénero máis minoritario e aí é puro ‘mainstream’. 
- Claro, aquí hai moitísima xente facendo rap. Ben, realmente aquí hai moitísima xente facendo de todo, pero no rap L.A. é un dos núcleos, e todo o mundo escoita hiphop. Sempre se enchen os concertos. Hai xente moi coñecida e logo está o círculo máis ‘underground’. Loxicamente isto é moitísimo máis grande, en Vigo e en Galiza somos como unha familia, coñecémonos todos, e iso leva á competencia, supoño. 

- Cres que este cambio de residencia é positivo para a túa carreira musical?
- Creo que está a ser unha experiencia grandísima e, desde logo, a mellor decisión que tomei na miña vida, aínda que non tomei tantas. Creo que é o mellor que puiden facer, pero creo que vai ter un impacto grandísimo na música, non só de como soa, que estando aquí nútreste doutro tipo de sons, senón máis de como se traballa aquí, con moita seriedade, moi duro e moi abertos de mente. Iso creo que me está a influír moito. 

- E isto está a supoñer un cambio na túa música?
- Si, a cuestión central da miña música é expresar o que sinto. E como persoa cambiei moito, e aínda que sigo sendo a mesma, aprendín moitísimo e todo iso ten que reflectirse na música. Musicalmente e tamén nas letras, porque conto cousas que me pasan, sobre o que vivo agora, claro. 

Aquí hai moitísima xente facendo rap e todo o mundo escoita hiphop. Sempre se enchen os concertos.

 

- Nos últimos meses publicaches varios ‘singles’ en forma de videoclips. Renunciaches a sacar un LP tradicional e vas ir sacando pílulas? Cal é o teu plan?
- De momento saquei varias cancións. Na miña cabeza está publicar un disco, pero con isto de mudarme para aquí non tiven demasiado tempo para case nada, e agora si que penso sacar un disco con todo o que levo escrito nestes dous anos que levo aquí. E agora a tope con iso. 

- Desde 2013 non publicabas nada. 
- Si, daquela publiquei o meu último disco e logo só fixen colaboracións para artistas, unha canción para Radio Extra da BBC, un tema de ‘freestyles’. 

- O formato videoclip dáseche ben. Aquel ‘Apréndeo’ da campaña para promover o galego da TVG é o vídeo en galego máis visto no Youtube, con máis de un millón de visitas. 
- Si, unha pasada. O formato videoclip triúnfame moito, teño moita sorte con iso. Pero cos vídeos que me fixeran daquela, que o fixera unha empresa de Vigo moi boa, e agora cunha rapaza de L.A., tamén boísima, non é extraño que funcionaran.

- Entón o teu próximo proxecto será o novo disco, que será americano ao 100%. 
- [risas] Non, será galego, español e igual tamén ten algo en inglés. 

- Estásme falando de linguas?
- Si, claro, despois o son será o que son eu, que son galega e igual cun toque americano por estar aquí, pero galega ao 100%. 

- Cando se publicará logo?
- Gustaríame que fora despois do verán, pero xa veremos.