Contracultura

Melo: "O encontro Banda á feira é, con todo o bo sentido da palabra, un festival de barrio

Melo é quen atende tras o mostrador en Banda deseñada, unha tenda especializada en cómics en Vigo, mais tamén é un dos organizadores da segunda edición do evento Banda á feira.
O vigués Melo aborda a feira de banda deseñada que decorre esta fin de semana en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera O vigués Melo aborda a feira de banda deseñada que decorre esta fin de semana en Vigo (Foto: Nós Diario).

—Tras a primeira edición, xa sabían que ían celebrar unha segunda?
Pola nosa banda, pola parte máis creativa da organización, había unha clara intención de facela, iso desde logo, sobre todo polo acollemento e entusiasmo que mostrou o público xeral ante esta iniciativa. Con todo, é un festival organizado pola Asociación de Veciñas e Veciños do Calvario, que pon toda a infraestrutura coa colaboración do Concello.

Sabemos que o orzamento co que contan as institucións, sobre todo no que respecta á cultura, é cada vez máis reducido, polo que sempre hai esa incerteza. Afortunadamente, a acollida que tivo o evento por parte do público así como o labor realizado pola parte máis artística da organización supuxeron un aliciente para que tanto a asociación como o Concello decidiran apostar novamente por esta iniciativa. 

—No cartel hai artistas da Galiza, mais tamén doutros lugares do Estado.
O Calvario sempre foi un barrio obreiro e, se ben queriamos ofrecer un evento destas características para as persoas afeccionadas á banda deseñada, tamén hai unha grande intención de levar o festival ás persoas que non a coñecen ou que teñen unha idea moi xenérica do que é. 

O obxectivo principal é levar o cómic, as autoras e os autores e as súas obras á rúa, por iso precisamente o festival faise na rúa peonil, fronte a un edificio emblemático como é o mercado, e de forma totalmente gratuíta. Nós sempre dicimos que un dos sinais de identidade do noso festival é a humildade, porque aínda acabamos de arrancar como quen di. Este ano compartimos a forma de ser coa que iniciamos e o único que considero que nos pode quitar esa etiqueta de humildes é precisamente o cartel: o nivel das persoas que están convidadas podería estar en calquera festival da Galiza ou doutros puntos do Estado, mais tamén no ámbito internacional desfrutarían de ter algo así. 

Esta é a forma de dar visibilidade á banda deseñada a un público que coñece de forma tanxencial ou que descoñece o que se está a facer neste mundo, mais tamén queriamos ter como protagonistas as autoras e os autores do país. E alén dese cartel que temos, pasarán arredor de 30 artistas que estarán facendo actividades, asinando libros, presentando e conversando co público... É a nosa forma de dar protagonismo á arte local. 

É grazas a eses grandes nomes que as persoas acaban por coñecer o traballo de artistas cun gran talento e que só lles fai falta un pouco de visibilidade, ben sexa porque están a dar os seus primeiros pasos ou por outras circunstancias. Un pouco da idiosincrasia do festival é que eses grandes nomes exerzan de reclamo. 

—Cal era a intención á hora de programar as actividades?
Intentamos involucrarnos con todos os axentes presentes no barrio. Aquí tamén está a Escola Oficial de Idiomas e, para facelos partícipes, tivemos en conta a tendencia actual entre a xente nova de fixarse no manga e na cultura xaponesa en xeral. Así, o departamento de xaponés deseñou unha actividade na que puidese involucrarse o maior número de persoas posíbel, levando cada quen o seu nome escrito nesta lingua. 

Aliás, a academia de cómic Kame deseñou obradoiros de cómic, principalmente para as crianzas, mais tamén abertos ás familias enteiras. Ao final, as nosas expectativas continúan a ser as mesmas que as da primeira edición: intentar chegar ao máximo número posíbel de persoas. 

Lograr ese ambiente do mundo do cómic, con familias paseando con curiosidade ou con persoas buscando xa as autoras e autores é o noso máximo obxectivo. Como dicía antes, a humildade vai por diante e Banda á feira non deixa de ser, con todo o bo sentido da palabra, un festival de barrio. Se ao final hai dúas persoas que teñen unha nova perspectiva do que se está a facer neste ámbito, pagou a pena. O que non quere dicir que non sexamos ambiciosos, se veñen millares de persoas moito mellor. 

Comentarios