Contracultura

Maurizio Polsinelli: "Díaz Castro colocou Galiza no meu mapa conceptual inoculando a necesidade da beleza"

Maurizio Polsinelli, músico de orixe italiana, vén de dar un empuxón á súa vocación poética coa publicación de 'O deber do lume' (Medulia). Polsinelli repasa as lembranzas que compoñen esta obra e a inspiración que atopou entre algúns poetas en lingua galega: “Podo dicir con seguridade que Díaz Castro colocou Galiza no meu mapa conceptual porque é quen de inocularte na forte necesidade de beleza”, salienta.
Maurizio Polsinelli é coñecido pola súa vertente musical no dúo 2naFronteira. (Foto: Eduardo Irago)
photo_camera Maurizio Polsinelli é coñecido pola súa vertente musical no dúo 2naFronteira. (Foto: Eduardo Irago)

—Como comezou a escribir O deber do lume?
Naceu desde unha memoria allea. Carmen Pením, a miña compañeira, ten moita paixón á hora de contar as cousas e de revivir o seu pasado. Isto, co tempo, lévache a experimentar a súa propia nenez como se fose a túa. Cheguei a un punto no que as mesmas lembranzas do seu pasado acababan mesturadas e entretecidas co meu, no que xa non podía distinguir con total seguridade o que vin e o que vivín eu dos feitos que me contou ela. Esta confusión dalgún modo  levoume a procurar unha orde, unha claridade. Puntualizar o que é seu e o que é meu.

O bo da poesía é que despois de escribir xa non es o mesmo que se non o escribiras. Ese pasado que me contou Carmiña, que me é alleo, co proceso de escrita pasa a facer parte da miña vida. Xa non é importante distinguir a miña infancia totalmente distinta en Roma, da que viviu ela en Meaus. Non é preciso colocar cancelas na memoria que distingan a fontiña de Meaus das fontes monumentais de Roma. A escrita o que ten que facer é buscar o universal e é nese punto onde nace este poemario.

Dalgún modo tiven que liberarme e pór por escrito relatos de Carmiña, na súa infancia e no Couto Mixto. O deber do lume é unha especie de biografía lírica que está claramente contaminada polo eu poético, pola miña infancia na Roma máis urbana e pola miña memoria e experiencia persoal dos lugares onde ela se criou.

—Como foi ese proceso na súa poesía até acabar escribindo en galego?
Xa escribía poesía de antes, mais comecei a facelo en galego hai non moitos anos, diría que dous aproximadamente. A miña relación coa lingua vén de bastante máis atrás no tempo, porque co dúo 2naFronteira comezamos a musicalizar a poesía galega en 2008, desde a súa vertente clásica até as voces máis novas. A poesía galega, xunto coa lingua, entroume a través da música e instalouse nas miñas propias ferramentas creativas, polo que me atopo moi cómodo e moi a gusto creando en galego.

Nestes momentos estou traballando en dous poemarios, mais aínda están nunha fase moi inicial. Ademais, eu crieime nun ambiente romanofalante e creo que ten moitos puntos en común co galego, máis que o italiano baixo o meu punto de vista. Comparten estes elementos de aforro lingüístico como a contracción dos pronomes, certas locucións verbais, tamén moito léxico... Isto levoume a sentir o galego como algo case íntimo e persoal. 

—Que papel xogou 2naFronteira nesta relación coa poesía galega?
Foi moi relevante. Musicalizamos o poemario Nimbos de Xosé María Díaz Castro e converteuse nun poeta moi importante para min, non tanto pola súa forma de escribir, senón polo modo de pensar a Galiza e de mirala. Podo dicir con seguridade que Díaz Castro colocou Galiza no meu mapa conceptual porque é quen de inocularte a necesidade da beleza.

A Galiza de Díaz Castro é universal: lembro algúns versos sobre os ríos, mais eses ríos que el describe no seu poemario non son ríos concretos e particulares, son os ríos do mundo. É un poeta que desde o particular acaba levándote ao universal, ao transcendental, e esta para min é unha característica da gran poesía. Eu quedei abraiado cando descubrín esta obra e había moito tempo que non atopaba algo tan grande, que me transmitise tan forte esa sensación de beleza. Só lembro unha experiencia parecida con Rainer Maria Rilke. Por iso sempre digo que, baixo o meu punto de vista, Díaz Castro é un poeta que debería ser máis coñecido porque ten todas estas características da gran poesía. Con todo, en Italia non é un poeta coñecido e é unha verdadeira mágoa.

Comentarios