PROXECTO 'CINEMA E MULLER'

Marzo de cinema feminino en Pontevedra e Vigo

Vén de presentarse 'Cinema e Muller', promovido pola Deputación de Pontevedra, un proxecto que estreará un filme colaborativo de dez cineastas da provincia, unha mostra de curtametraxes, charlas e un concerto. 

cinema-muller
photo_camera Imaxe do proxecto 'Cinema e Muller'

'Cinema e Muller' é un proxecto que nace coa vontade de visibilizar as creadoras do audiovisual, que a pesar do auxe do cinema galego as mulleres só ocupan o 7% dos postos de dirección nos filmes que se producen en Galiza. Na web da proposta fan un mapeo das mulleres realizadoras da provincia (chegan a 70) e inclúen información de cada unha delas.

Para abrir o programa haberá dúas sesións de curtametraxes de cineastas galegas. A primeira terá lugar o 11 de marzo no Museo de Pontevedra, e a segunda o día 14 en Vigo, no Auditorio do Concello. Poderán verse filmes de María Ruído, Claudia Brenlla, Margarita Ledo, Lara Bacelom Xiana Gómez, Jaione Cambor, Diana Toucedo e Helena Girón. 

E a sesión 2 terá lugar o 12 de marzo en Pontevedra e o 15 en Vigo, coas seguintes autoras: As Candongas do Quirombo, Susana Rey, Peque Varela, Clara Sobrino, Begoña M. Santiago, Manuela Elisabeth, Sonia Méndez e Adriana Páramo. 

'Visións'

O día 16 de marzo en Vigo e o 17 en Pontevedra estrearase 'Visións', un filme colaborativo de dez cineastas da provincia de Pontevedra, no que participaron Eva Calvar, Olaia Sendón, Claudia Brenlla, Sonia Méndez, Diana Toucedo, Carla Andrade, Lara Bacelo, Andrea Zapata, Begoña M. Santiago e Carme Nogueira. 

E, por último, os días 17 e 18 terán lugar no MARCO de Vigo varias charlas protagonizadas tamén por directoras, artistas e investigadoras galegas, como Margarida Ledo, Marta Pérez Pereiro, Mar Caldas, Anxela Caramés, Carme Nogueira e Renata Otero. 

Para poñerlle o ramo, o proxecto péchase o 18 de marzo en Vigo, na Praza da Igrexa da Colexiata cun concerto do grupo Cinaadhesiva, coa participación da poeta Silvia Penas, a cineasta Area Erina e os músicos Jesús Andrés Tejada e Pablo Muñiz. 

Comentarios