Contracultura

Marta Villar: "Parece que canto máis avanza o feminismo, con máis violencia reaccionan os homes"

A xornalista Marta Villar vén de publicar 'Non temerás os coches amarelos' (Xerais), a súa primeira novela. Nesta conversa, expón as distintas temáticas presentes no libro, así como o papel do xornalismo na actualidade e mais o debate en relación á neutralidade na profesión xornalística.
'Non temerás os coches amarelos' é a primeira novela de Marta Villar. (Foto: Cedida)
photo_camera 'Non temerás os coches amarelos' é a primeira novela de Marta Villar. (Foto: Cedida)

—Como comeza Non temerás os coches amarelos?
Hai partes que son reais, que coñezo eu ou que me pasaron a min, e hai outras que son ficción. Son cousas que me interesan moito e que quería que se coñecesen, por exemplo, o contraste entre o rural e o urbano, a violencia en xeral e a de xénero en concreto... Non vía moito como escribir sobre tantos temas até que un día, buscando papeis na casa, atopei entrevistas que eu lle facía de pequena aos meus avós. Vin cousas que para min eran moi valiosas, por exemplo a miña avoa falando da pobreza que había antes, cando a xente mandaba as crianzas a casa doutras persoas porque non podían nin vestilos nin darlles de comer. A min parecíame incríbel porque hoxe en día non sabemos que é iso.

Comecei a pensar nun formato de novela, mais nunca tiven moita idea de publicala, porque está rematada desde 2019, mais estaba gardada. Decidinme a facelo porque quería falar destes temas que eu considero importantes.

—Precisamente, a obra trata cuestións moi diversas relativas á historia da Galiza.
Claro, se enumeras todos os temas que toco parece que é unha mestura sen sentido, mais en realidade non. Eu nacín no rural e sempre penso que hai algo que levamos dentro que non levan os demais, por exemplo no sentido do aforro, cando a avoa che dicía que apagases a luz ao saír da cociña. Son cousas que parece que non lles fas caso, mais que acabas reproducindo. Polo mesmo, tamén quería falar da emigración, non a de Bos Aires, senón doutra da que se fala menos: a dos pais que ían ás plataformas de petróleo. Foi algo que sacou moitísima xente da pobreza, mais era durísimo, ao mellor non visitaban a casa en anos e moita xente morría antes de poder facelo. Sacrificaban o que fose por ter algunha oportunidade de mellora.

Tamén quería facer unha homenaxe ás mulleres que desapareceron en mans de homes e que nunca máis se soubo delas, por exemplo, o caso de María Xosé Arcos. Eu comecei a traballar cando ela desapareceu, foi unha das primeiras noticias que tiven que cubrir como xornalista, indo ás manifestacións en Santiago e tamén falando coa súa irmá, Rosa. Hai tantas situacións que vivimos como mulleres, desde que nacemos até o final... O acoso que recibimos no colexio e no traballo, e xa non digamos a violencia máis extrema e o maltrato, algo que antes se consideraba do ámbito doméstico e que había que aguantar.

O libro tamén é unha chamada de atención porque aínda que protestemos e reclamemos, despois o que vemos é que cantos máis dereitos e máis avances hai no feminismo, máis reaccións hai: rapaces que abusan dunha muller, as manadas... Parece que canto máis avanzamos, máis homes se senten atacados e reaccionan con máis violencia. É algo intolerábel. 

—Como conviven as facetas de militante e de xornalista en Dina, a protagonista?
Ela non o leva moi ben. É duro porque ten unha dualidade entre as súas ideas e o seu compromiso de loita e de sororidade e esa necesidade ou desexo de ter unha carreira, de estar na normalidade. Por iso lle custa tanto traballo convivir con ambas realidades e moitas veces acaba por sentir que leva unha dobre vida. Ao final, intenta facer o que pode, mais é unha situación que viven moitas mulleres.

Evidentemente, o xornalismo ten que ser veraz, mais non penso que teña que ser neutral. A neutralidade é non botar unha man, non axudar a quen o necesita. Claro que hai que ser veraz e contar o que din as dúas partes, mais hai determinados casos nos que se trata de ser xustos e de respectar as persoas. Se hai un réxime onde as mulleres non teñen ningún tipo de dereitos, considero que non se pode ser neutral. É dicir,  non podemos manter esa ilusión de neutralidade cando se trata de dereitos humanos, de xustiza e de respecto pola dignidade das persoas.

Comentarios