Contracultura

Marta Verde: "A performance aborda a relación simbólica que os seres humanos estabelecíamos co ouro"

A artista visual Marta Verde presenta hoxe en Compostela xunto co músico José Venditti a súa nova performance, 'Espectro Dourado AV', no marco do festival Curtocircuíto. 
A artista Marta Verde presenta unha nova performance xunto ao músico José Venditti (Foto: Nós Diario)
photo_camera A artista Marta Verde presenta unha nova performance xunto ao músico José Venditti (Foto: Nós Diario)

—No seu novo espectáculo abordan a relación do ser humano co ouro. Por que?
José e eu levamos traballando xuntos aproximadamente desde 2015, polo que sempre estamos creando varios espectáculos onde el traballa a parte musical e eu a visual, aínda que o concepto sempre é algo que traballamos en conxunto. Sempre nos gustaron conceptos moi arrevesados, tamén relacionados coa mística e que sexan moi subxectivos para as persoas. Así, até o ano pasado estivemos rodando un espectáculo chamado Omen, que quere dicir presaxio. 

Este ano queriamos ter un espectáculo novo, comezando de cero, e como ambos viaxamos moito e desfrutamos de visitar museos dos lugares aos que vamos comezamos a facer unha pequena investigación, cada un pola súa parte. 

O ouro é un elemento que sempre chamou moito a atención dos seres humanos porque pode estar relacionado con símbolos de poder, luxo e incluso mística. É algo que ao longo da historia tivo moita repercusión. Levamos varios meses traballando nisto e fainos moita ilusión poder presentalo en Curtocircuíto porque ademais imos poder facelo na Igrexa da Universidade, que é un espazo moi interesante para traballar, tanto a nivel visual como de sons.

—Refírese á relación simbólica co poder. Que máis elementos abordan?
Queríamos ir máis aló deste concepto, de como foi transcendendo a relación simbólica que os seres humanos estabelecíamos co ouro. Atopamos por exemplo a cuestión da alquimia: a transformación que buscaban do chumbo en ouro e como trasladaban iso até unha metáfora da alma humana, desde a escuridade até o máis luminoso.

Tamén fixemos bastante investigación arredor dos halos que os santos levan nas cabezas, a mazá da discordia que Eris levaba na man, os orbes solares dalgúns deuses exipcios como Ra, a pel de Chaitania na India... Todo isto son elementos dourados. Estivémonos fixando neses pequenos matices en diferentes culturas e ao longo da historia coa intención de plasmar todos estes conceptos dunha maneira moi abstracta. Na parte visual eu estou traballando cunha paleta de cor dentro dos diferentes dourados que pode haber: ouro brunido, oxidado, vello, pulido, rosa, verde... 

Así, canalizamos os diferentes estados de ouro a través do espectáculo e vemos como se transforma. José, na parte do son, está traballando con instrumentos que poden rememorar este tipo de contidos como o saxofón ou os pratos, dourados por suposto. 

—Cal é o proceso detrás da creación destes espectáculos?
Como levamos moitos anos traballando xuntas xa nos comprendemos, temos unha forma de traballar que é moi orgánica. Antes eu vivía en Madrid, como José, pero agora levo tres anos vivindo en València polo que temos que traballar de forma remota. Así, cando el está facendo algún experimento co son, envíame audios para que eu escoite e falemos das distintas cuestións que se poden engadir ou modificar. 

José, na súa vida paralela de traballador con nómina, é director de arte polo que ten moita potencia visual e moitas ideas. Digamos que temos unha relación moi síncrona para traballar xuntas. A miña maneira de traballar é ter as cancións de José postas en bucle todo o día até ir imaxinando cousas. 

Claro, tamén hai moito ensaio e erro porque na miña cabeza pode quedar moi ben algo pero logo ao probalo pode que non me guste tanto, ou que prefira movelo a outra parte do espectáculo... Tamén algo que nos interesa moito é o directo. 

Tendo moito á improvisación controlada, segundo como vaia sentindo o sitio ou como estea soando a música. Isto implica que o espectáculo vai mudando. Omen, por exemplo, desde as primeiras até as últimas representacións foi evolucionando moito, aos poucos, si, porque tamén vas atopando cousas novas unha vez que estás aí, hai outra conversación entre o audio e o vídeo. 

Non é o mesmo que estar na túa casa facendo un falso directo e creo que esta é unha maneira moito máis rica de traballar. 

Comentarios