A poeta María Mariño, nomeada Señora das Letras 2024

Xa en 2007 a RAG dedicáralle o Día das Letras Galegas.
A autora María Mariño. (Foto: RAG)
photo_camera A autora María Mariño. (Foto: RAG)

A plataforma de crítica literaria A Sega vén de anunciar que o Día das Galegas nas Letras homenaxeará este ano a María Mariño Carou, unha das poetas máis relevantes do pasado século. Xa en 2007 a Real Academia Galega dedicáralle o Día das Letras Galegas.

Mariño pasou a súa infancia e mocidade en Noia, sempre salvando as dificultades económicas da familia. Aí recibiu os primeiros estudos e axiña comezou a traballar como costureira. Trasladouse, en 1926, a Escarabote (Boiro), mais o golpe de Estado fascista de 1936 colleuna en Algorta (Euskadi), onde vivía unha irmá súa. Tras a conquista desa zona polas tropas franquistas, regresou a Escarabote. Alí coñeceu o mestre compostelán Roberto Posse Carballido, co que casou en 1939. No curso 1945-46 o matrimonio marchou a Arzúa e, despois, a Elantxove (Euskadi), debido a un destino do seu home. En 1946 regresou á Galiza para dar a luz un fillo, Roberto, que morreu o 10 de outubro dese mesmo ano.

No curso seguinte o seu marido foi destinado a Romeor, no Courel. En marzo de 1947 faleceu a nai de María Mariño e, posteriormente, morreron os seus irmáns varóns. Por consello médico, trasladouse a Parada do Courel a causa da depresión nerviosa que lle provocaran estas perdas. Ese ano instalouse definitivamente en Parada do Courel e iniciou unha súa fonda amizade con Uxío Novoneyra.

Entre 1958 e 1963 escribiu o seu libro Palabra no Tempo e, tres anos despois, enfermou de leucemia e comezou a escribir Verba que comenza. O 19 de maio de 1967 faleceu por mor da enfermidade que padecía. Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.
[EN AMPLIACIÓN]

Comentarios