Contracultura

María López, gaiteira: "Hai moita xente que di que gañar o MacCrimmon é como recibir o Nobel da gaita"

María López é a gaiteira que estará representando a Galiza na competición polo Trofeo MacCrimmon, que se celebrará no marco do Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña) entre hoxe e o 13 de agosto. López, que xa gañara este galardón en 2019, converténdose na primeira muller galega e ademais na persoa máis nova en facerse co trofeo, aborda as diferenzas coa competición actual, a presión e os plans para o futuro da súa carreira musical.
María López é a persoa máis nova en gañar o Trofeo MacCrimmon. (Foto: Nós Diario)
photo_camera María López é a persoa máis nova en gañar o Trofeo MacCrimmon. (Foto: Nós Diario)

—Despois de recibir o Trofeo MacCrimmon con tan só 14 anos, por que decidiu volver presentarse este ano?
O certo é que non teño un motivo moi definido. Facíame moita ilusión volver a Lorient porque é un festival moi diferente e especial. En realidade, dos festivais aos que fun, diría que é o meu favorito. Penso que é unha experiencia totalmente diferente a outros, como por exemplo o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, porque o ambiente non ten nada que ver: en Lorient hai moitísimas familias. Ademais, o feito de presentarme a este trofeo é unha escusa para ensaiar e mellorar.

Neste caso o concurso non é que sexa tan diferente doutros, mais si que require moita dedicación e horas de traballo. Creo que ten moita máis disciplina porque tes que preparar repertorio asturiano, bretón e, por suposto, galego, o que o converte nun dos concursos máis esixentes. Por este motivo, precisamente, hai moita xente que di que gañar este trofeo é como recibir o Premio Nobel da gaita.

—Agora que xa ten 18 anos, que diferenzas ve con respecto á preparación ou á experiencia da competencia anterior?
Sendo totalmente sincera e honesta, cando fun en 2019 tiña unha actitude máis de ir probar e ver que ocorría. É dicir, se quedaba última estaba ben, mais tamén estaba ben se quedaba quinta ou terceira. Cando dixeron que gañara, para min foi unha grata sorpresa e tampouco acababa de crer o que estaba pasando porque de verdade que non contaba con iso.

Agora, nesta segunda ocasión, creo que teño un pouco máis de presión con respecto aos demais porque hai como ese pensamento de que como xa teño un trofeo teño que facelo ben si ou si. Este ano tamén é diferente pola cuestión do tempo. A finais de abril é cando sabes se vas ir a Lorient ou non, polo que apenas tes tres meses para preparalo todo.

Desde fóra pode parecer máis tempo, mais a verdade é que pasan voando e tendo en conta que teño que compaxinalo coa universidade, realmente non é tanto. Ao final acabas deixando a preparación do concurso para o verán, porque o tempo é o que é.

Tamén percibo que hai algunhas persoas que teñen a crenza de que, se este ano non gaño, esa primeira vitoria foi unha casualidade ou sorte. Por iso digo que teño un punto de presión extra. Tal e como o vexo eu, xa teñas un, dous o máis premios, se hai algún ano que te presentas e non gañas, non quere dicir que non tiveras merecido os que xa recibiches. Son a primeira muller galega en recibir o trofeo. 

—Botando a vista un pouco máis aló do concurso, ten algún plan ou proxecto que lle gustaría levar a cabo en relación coa súa carreira musical?
Si. É certo que, como dicía antes, a universidade come moito tempo. Eu estou estudando o Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, nada que ver con este mundo, e ás veces vólvese un pouco complicado compaxinalo todo. Falando máis a longo prazo gustaríame poder gravar un disco e tamén ter a posibilidade de montar un grupo e seguir tocando. Con todo, creo que son proxectos que hai que pensar moito e que hai que ter moita calma con eles. Ao final, o tempo é limitado e ás veces non podo tocar tanto como me gustaría ou como o facía antes porque hai que escoller a que lle dedicas ese tempo.

Coa universidade si que sinto que as miñas afeccións van quedando máis atrás ou nun segundo plano, mais quen sabe? Tampouco é que teña nada moi decidido nin pensado. Agora mesmo quero centrar todos os meus esforzos e enerxía no concurso e despois xa irei vendo como vou desenvolvendo todo. 

Comentarios