Contracultura

Maria Isabel Fidalgo: "Não esqueças o meu nome diríxese ás persoas que están gravadas nas páxinas do meu corazón"

Maria Isabel Fidalgo (Braga, Portugal, 1951), licenciada en Lingua e Literatura Modernas, é a autora de 'Não esqueças o meu nome' (Poética Edições), poemario que contén 'Se de repente perto fosse um verbo'. Este poema foi o máis votado polo público de aRi[t]mar, concedéndolle así á autora portuguesa o premio poético desta edición.
A autora de 'Se de repente perto fosse um verbo', Maria Isabel Fidalgo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A autora de 'Se de repente perto fosse um verbo', Maria Isabel Fidalgo. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu 'Se de repente fosse um verbo'?
Como unha broma que despois se converteu en algo serio. Mais tamén xurdiu do pracer de recrear novas formas de dicir as cousas. A poesía sempre está neste estado de crear cousas novas diferentes, debe ser innovación. Este é un poema de amor que creo que é divertido, mais tamén fermoso e diferente. E por iso diría que á xente lle gustou tanto, porque a votación foi bastante masiva. É un poema dedicado ás persoas que amei, a quen amo. Pode que tamén teña unha lectura transversal, mais é un poema de amor, que tamén é o gran tema que está presente en todo o libro. Gústame escribir poemas de amor e creo que á xente lle gusta lelos. 

—En que sentido está presente o amor no poemario?
É un libro dunha dimensión plural: cada persoa que o lea o interpretará como desexe. Para min, principalmente, aludo á poesía, da que espero que non esqueza o meu nome. Mais tamén se dirixe ás persoas que me len, familiares, amizades, amantes doutros tempos... É un título plural, mais dirixido especialmente ás persoas que quero e que están gravadas nas páxinas do meu corazón: non esquezas o meu nome. 
 
—Ao final foi unha alusión que conectou bastante coas persoas.
Si, o premio foi toda unha sorpresa. Non contaba con el para nada, aínda que, como digo, o poema gustou bastante. Foi unha alegría que me deu a vida, e non porque coleccione premios ou ande buscando éxitos, mais sempre é bo que te recoñezan que o que fas ten algún mérito. Realmente tampouco tería sentido se á xente non lle tivera gustado tanto o poema, polo que estou inmensamente satisfeita.

Tamén pola gala de aRi[t]mar que se celebrou,  foi realmente extraordinaria e puiden desfrutala moitísimo. O premio sempre terá un significado especial para min xa que é a demostración da existencia dun vínculo afectivo e cultural moi forte entre Portugal e a Galiza, á que amo moito. Oxalá se levasen a cabo máis eventos e iniciativas deste tipo, para seguir fortalecendo a relación que temos de maneira que non a esquezamos. 

—Está traballando nalgún proxecto nestes momentos?
Si, teño algunhas cousas escritas, aínda que falta un pouco para que poidan formar parte dun libro, mais a idea é continuar. Penso en facer algo máis achegado á prosa poética, quizais en seguir coa poesía ou quizais en traballar desde un aspecto máis autobiográfico sobre a miña vida, sobre min e as persoas que se agochan detrás de min. Quero reflexionar sobre este misterio e encanto a un tempo que é a vida, mais para isto quero facer todo un traballo previo de ler textos filosóficos e documentación similar antes de lanzarme á aventura de plasmalo nun libro.

Estiven lendo un libro de Jon Fosse, Premio Nobel, que fai reflexionar precisamente sobre esta dimensión da vida, que ademais é moi universal. A vida son dous días, mais tamén é noite e día. Precisamos ver como vivimos esa noite, que preparación temos para pasar a noite. Mais tamén como foi o día para nós, como vivimos ese día. 

—Por que pensa en introducirse na prosa poética?
Eu desfruto moito léndoa, quizais tamén me guste moito facela. Hai veces nas que a prosa poética é máis poesía que a poesía mesma. Creo que a poesía se está a volver un pouco máis rancia: hai moitos poemas iguais, repetidos, ideas que volven unha e outra vez. Ten que haber outro camiño. Con todo, nunca abandonarei a poesía. Todos os días escribo, cando menos un pouco. Quero escribir algo que fique para as miñas netas, para a miña filla e que fale de min, mais que o faga seguindo esta forma poética. Non creo tanto en facelo dunha forma directamente autobiográfica, que pode ser unha linguaxe máis normativa, senón nesta linguaxe superior, unha linguaxe elaborada e coidada. Unha linguaxe poética, ao fin e ao cabo.

Comentarios