Teatro

A AAAG concede a María Barcala o Premio de Honra Marisa Soto

A xunta directiva da AAAG busca así premiar a dilatada traxectoria de Barcala dentro e fóra dos escenarios.
A actriz María Barcala. (Foto: AAAG)
photo_camera A actriz María Barcala. (Foto: AAAG)

A xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG) acordou outorgar á actriz María Barcala o Premio de Honra Marisa Soto, galardón co que a profesión teatral distingue o labor de persoas ou de institucións a favor do sector escénico.

Barcala únese á lista de homenaxeadas con este premio que inclúe, entre outros nomes, Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, a Sala Nasa, Flor Maceiras, Lino Braxe, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ou Cloti Vaello. O Premio Marisa Soto entrégase durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano decorrerá a quinta feira 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Segundo trasladou a asociación nunha nota de prensa, a xunta directiva da AAAG decide así premiar a dilatada traxectoria de María Barcala, cuxo traballo se enmarca na xeración que impulsou o proceso de profesionalización do teatro na Galiza.

Ao longo de catro décadas de carreira, Barcala converteuse en referente para o sector, tanto desde o punto de vista de interpretación como de impulso de proxectos de longo percorrido. É o caso da compañía Teatro do Atlántico, fundada por Barcala e Xúlio Lago a mediados dos anos 80.

A Asociación destaca que a actriz homenaxeada abriu camiños desde múltiples facetas para que fosen transitados polas seguintes xeracións teatrais. "Sen María Barcala, a nosa escena non sería. E de ser, sería outra diferente. Porque María Barcala é, sinxelamente, teatro", subliña a AAAG.

Comentarios