Cinema

'Prefiro condenarme', o novo filme de Margarita Ledo que iniciou hoxe a rodaxe

O filme, igual que outros da autora como A cicatriz branca ou Nación, volverá estar producido pola produtora Nós.
Rodaxe hoxe no cárcere vello de Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rodaxe hoxe no cárcere vello de Lugo. (Foto: Nós Diario)

Margarita Ledo Andión deu comezo á rodaxe do seu novo filme de non-ficción Prefiro condenarme nesta segunda feira, 15 de xaneiro, en espazos do vello cárcere de Lugo e no salón de columnas do Círculo das Artes. O filme, igual que outros da autora como A cicatriz branca ou Nación, volverá estar producido pola produtora Nós.

No filme, a historia de amor dunha mariscadora da ría de Ferrol entrelázanse desexo, desobediencia e clase social nun tempo, o da ditadura, en que cuestións coma o denominado adulterio ou abandono de fogar eran considerados "delitos específicos das mulleres".

Entre ceo e terra

A experiencia de Sagrario, a personaxe real que inspirou Prefiro Condenarme, preséntase a través de lugares, reais e simbólicos, onde sucederon determinados acontecementos; de arquivos persoais e oficiais, e do intercambio entre o corpo da protagonista e o de tres actrices, Melania Cruz, Iria Pinheiro e Mónica Camaño nas que se desliza "ese real tumultuario que é a existencia da que se sitúa fóra das regras para permanecer, coma os paxaros, entre ceo e terra", indica Ledo.

Para alén de diferentes localizacións nas cidades de Ferrol ou Santiago de Compostela, Prefiro condenarme tamén gravará escenas en Castro de Rei, Monterroso e Santalla de Bóveda nas próximas dúas semanas.

Alberte Branco na dirección de fotografía, Olaia Ledo Díaz e Nati Juncal na produción, Sisco Lariño no son, Eva Veiga como co-guionista canda as performer Mónica de Nut e Antón Lopo e a compositora Carme Rodríguez son parte do equipo que fará posíbel o filme.

Comentarios