A Asociación de Actores e Actrices concédelle o Premio de Honra Marisa Soto á xastra Cloti Vaello

Con este galardón recoñécese a longa traxectoria dunha costureira que traballou durante corenta anos no sector. Cloti Vaello, referente para o oficio teatreiro, iniciou a súa carreira co nacemento do teatro profesional na Galiza e vestiu a todas as xeracións de actores e actrices do país até a súa xubilación en 2016

Cloti Vaello.
photo_camera Cloti Vaello.

A Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) anunciou onte que lle concedía á xastra Cloti Vaello o Premio de Honra Marisa Soto, galardón co que a profesión teatral recoñece o labor de persoas ou institucións a prol do noso sector escénico. Así, Vaello únese a unha longa lista de homenaxeados que inclúe, entre outros, a Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, a Sala Nasa, Flor Maceiras, a Mostra de Teatro de Cangas ou Lino Braxe. O Premio Marisa Soto entrégase durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebra o 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.  

A AAAG decide premiar a dilatada traxectoria de Cloti Vaello, cuxa carreira medrou á par que a profesionalización do teatro na Galiza. Con este recoñecemento, preténdese poñer en valor o esforzo desas profesións que, sendo imprescindíbeis para a escena, se desenvolven lonxe dos focos e sen o aplauso do público.

Teatreiras como Cloti Vaello resultan fundamentais para o teatro, mais os seus rostros pasan desapercibidos. Este premio é, daquela, un recoñecemento para os oficios invisibles do teatro. 

 

Cloti Vaello naceu en Ribeira en 1955. Formouse en xastraría . Tras anos dedicados á formación, acabou por encarreirar o seu oficio cara á creatividade do mundo da escena. Exerceu así durante corenta anos como xastra, costureira, deseñadora de vestiario e docente. A súa agulla deixou pegada tamén no audiovisual, en producións televisivas e cinematográficas. 

Vaello arrincou a súa traxectoria da man de Roberto Vidal Bolaño e César Lombera no ano 1979, nos inicios da profesionalización do teatro na Galiza. Entre 1998 e 2008, formou parte do equipo de xastrería da Aula de Teatro da Universidade de Santiago e do Centro Dramático Galego.

Na institución de teatro público, Vaello realizou vestiarios en producións como Se o vello Simbad volvese ás illas (1999), Rosalía (2001), Daquel Abrente (2005), A piragua (2007) ou Noite de Reis (2008). 

Ao longo dos anos, tamén traballou para as principais compañías privadas. Así, a súa pegada deixouse notar nos vestiarios de Matarile (Animales Artificiales), Talía Teatro (Xustiza Infinita, Esperando a Godot), Teatro do Nororeste (Imperial Café Cantante ou Glass City), ou  Sarabela Teatro (O heroe, Margar no pazo do tempo ou O cabodano) ou Voadora (Super 8 ou Tokio 3).

 

Comentarios