Un total de 15 espectáculos competirán como finalistas nos Premios de Teatro María Casares

Os espectáculos ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’, do Centro Dramático Galego (CDG), e ‘As que limpan’, de A Panadaría, acaparan nove finalistas cada un.
Unha escena de 'As que limpan', da Panadaría.
photo_camera Unha escena de 'As que limpan', da Panadaría.

Un total de 15 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, organizados pola Academia Galega do Audiovisual (AGA), que  se celebrará o 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer onte en Compostela durante a tradicional Festa de Finalistas. 

O espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego, acadou nove finalistas (dirección, direción de movemento, actriz secundaria, actor secundario por partida dupla, espazo escénico, iluminación, texto orixinal e vestiario), igual que a obra As que limpan, da compañía A Panadaría (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria por partida dupla, espazo sonoro, maquillaxe e texto orixinal).

Con seis finalistas atópanse Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro (actor protagonista, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico, espazo sonoro, maquillaxe) e O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (espectáculo, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor protagonista, actor secundario e vestiario).

Continente María, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante, opta a cinco Premios María Casares (dirección, texto orixinal, actriz protagonista, espazo sonoro e iluminación), mentres que O Deus do Pop, de Diego Anido, aspira a catro galardóns (espectáculo, actor protagonista, dirección de movemento e iluminación). Por idéntico número de premios compite A peste, do Centro Dramático Galego (adaptación-tradución, actriz secundaria, espazo escénico e vestiario).

Ragazzo, da compañía Barrosanta, aspira a dous galardóns (actor protagonista e adaptación-tradución). Por un premio pelexarán Papagena, de Butacazero (maquillaxe); e Ninja, de Teatro Ghazafelhos; Wombo combo, de Galeatro, e A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro. Estas tres pezas competirán unicamente polo premio ao mellor espectáculo infantil.

Polo premio de nova creación para os espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas competirán tres montaxes que tamén son finalistas unicamente nesta categoría: A barca do inferno, de Nauta Teatro; Raio The Loubican, de micromina, e Xela contra o Dragón Traga-verbas (Títeres Cachirulo).

Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) e contan habitualmente co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis.  

Comentarios