Marcos Lorenzo escribe contra os excesos da teoría

Marcos Lorenzo vén de pubicar Enser na nova colección de Galaxia Heterodoxos. Trátase dunha mestura de crónica vital e ensaio, en forma de escrita aforística, e que parte dun momento de penuria económica e vital despois da crise que o obrigou a "concentrar todas as enerxías na subsistencia, o que á vez implicou un estreitamento das opcións vitais e un feche de horizontes", segundo declara no preámbulo do libro. 
 
Lorenzo, economista, antropólogo e xestor cultural abre a colección Heterodoxos de Galaxia (Foto: Marcos Lorenzo).
photo_camera Lorenzo, economista, antropólogo e xestor cultural abre a colección Heterodoxos de Galaxia (Foto: Marcos Lorenzo).

Enser podería encadrarse na crítica a Ilustración -que se vén elaborando desde hai anos, especialmente desde a teoría feminista- como 'mito da liberación a través da razón' que esquece a materialidade do corpo como parte fundamental da constitución do suxeito. Contra a Ilustración: Vai pola sombra, escribe Lorenzo, prefigurando un itinerario polo lado máis escuro da existencia e da reflexión sobre o propio lugar no mundo.

"Unha situación de precariedade económica inflúe radicalmente no ánimo, ou no desánimo, e unha mala condición material incide niso do que se fala no libro sobre falsa a dicotomía entre corpo e alma ou entre materia e pensamento", explica Lorenzo en conversa con Nós Diario. "Houbo un certo desengano co proxecto vital, coas expectativas que o sistema nos di que existen. Pero o sentido sempre se constrúe así, coa interacción co mundo que te rodea, coa comunidade, co contexto económico e social..." .
Iso deu como resultado unha actitude de sospeita cara ás propias conviccións.

"Eu estaba un pouco na órbita dun certo relativismo progresista e posmoderno. E quixen explorar unha mirada alternativa buscando por todas as partes como construír outra visión do mundo. Por iso digo que é reaccionario, porque trato de invocar unha serie de verdades que sirvan de guía. As persoas necesitamos verdades que organicen a nosa vida psíquica e social. Se non, estamos abocados á neurose".

Privilexios e conciencia de clase

A situación de precariedade reactivou unha conciencia de clase que, segundo Lorenzo, quedara un pouco en segundo plano durante un período. "Eu paso uns anos moi duros non só pola situación económica, senón tamén por problemas familiares e de parella.

E claro, aí observo que a precariedade non actúa da mesma maneira en todas as persoas que traballaban no meu sector, no sector da cultura. Afectaba moito menos se na túa familia había unha famosa galerista ou un ex conselleiro. Se non tes padriños, as túas posibilidades diminúen radicalmente. Nas épocas de vacas gordas, o emprego e os postos repártense con certa alegría.

Mais nas situacións duras sucede como se o país volvese ao seu molde natural e os poucos 'postiños' que hai son para determinadas familias e grupos de interese; xa non hai excedentes para repartir, non hai faragullas que lles dar aos fillos de ninguén".

Unha das conclusións do libro é, de feito, que o eixo da acción política na Galiza segue sendo o mantemento do statu quo, das prerrogativas deses grupos de interese. "A política galega non busca a mellora da sociedade, senón o mantemento de determinados privilexios. Polo tanto, non é unha sociedade baseada nos méritos, senón no enchufe".

Tamén está moi presente ao longo de todo o libro, a figura do tertuliano, como exemplo dun marco informativo que condiciona todo o debate público. "A paleta editorial dos medios de comunicación na Galiza non se corresponde coa distribución do voto.

Existe unha falla de pluralismo informativo que é unha anomalía democrática. En xeral, os medios apoian os intereses dunha soa das partes, e iso impide que todas as ideas poidan entrar no debate en igualdade e que as mellores prosperen. Se non hai isto, non hai esa sociedade liberal da que tanto presume o sistema. E demasiadas persoas calan por medo ás consecuencias, por cálculo ou por covardía. Pero isto é coherente co que falabamos antes: se todo está atado e ben atado, ten coidado co que dis". 

"Marxismo sensorial"

En consecuencia, Lorenzo volve a unha especie de “marxismo sensorial”, que existe antes da elaboración intelectual. “Si, eu son de barrio e de aldea. Na miña aldea, onde eu pasaba os veráns, todo o mundo tiña moi claro quen eran os señoritos e había unha certa exclusión comunitaria, un certo mecanismo de defensa. E no meu barrio da Coruña sucedía igual, todos sabiamos quen eran os pijos, e non eramos nós”, explica. “Existía esa percepción de que estes non son coma nós.

Na situación de precariedade económica, esa percepción vólvese máis clara, e eu creo que iso afecta a todo o libro: ten un ton seco, duro, sen artificios. Sobra toda a graxa. É un libro que renega un pouco dos excesos da teoría e que defende o valor da acción por riba da cháchara intelectual. O logocentrismo que eu practiquei durante tantos anos transformouse nun intento de ir ao tanxíbel, ao concreto”. 

Malia esa dureza, o libro non está exento de ironía e mesmo de humor. "Se cadra, estaba canso de dicir sempre o mesmo, de repetir os mesmos discursos, que non acababan de explicar o que estaba sucedendo na realidade.

E daquela fixen un exercicio creativo que, a partir dos apuntamentos que tomo nos meus cadernos permitisen facer un retrato da vida en toda a súa riqueza. En ocasións, estamos tan centrados en ver cara a onde imos que somos incapaces de desfrutar das cousas que nos rodean.

Somos vítimas do pau e da cenoria: a cenoria como recompensa que non vai chegar nunca, e o pau como medo a caer na pobreza, na marxinalidade social. Enser pretende ser unha acción directa do dicir", remata o autor.

Comentarios