O mapa de Fontán, a 65.000 euros no mercado de segunda man de Madrid

A carta xeométrica da Galiza, todo un fito da xeografía galega, obra de Domingo Fontán, pode conseguirse no mercado de segunda man por 65.000 euros. Trátase, segundo o vendedor, de procedencia madrileña, dunha primeira edición, de 1845.

MAPA PARA A WEB
photo_camera Detalle do mapa de Fontán á venda no mercado de segunda man.

2018021609584974793A Domingo Fontán (Portas, 1788-Cuntis, 1866) levoulle 17 anos rematar o primeiro mapa topográfico e científico da Galiza, coñecido como a carta xeométrica. Unha cartografía adiantada ao seu tempo trazaba cunha precisión que non puido superarse até o envío dos satélites ao espazo.

Ao mapa tense referido Elena Vázquez Cendón, decana de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do Consello da Cultura Galega, como “o gran big data de hai 200 anos”. Alberto Varela, profesor da Escola de Enxeñaría de Camiños da Universidade da Coruña, e impulsor da edición facsímile do mapa de Edicións do Cerne, salienta da carta xeométrica que “marca de forma singular” a “patria” do lector, que é “algo moi moderno” e que “agora se fai nos videoxogos”.

Fontán comezou os seus traballos de medición en 1817 e entregou a carta á raíña gobernadora, María Cristina de Borbón-Dos Silicias, en 1834. Até tres anos antes non conseguira o apoio oficial para a súa redacción e, por tanto, foi aí cando puido deixar de impartir aulas na Universidade de Santiago de Compostela. En 1837, Fontán pediulle ao Goberno español a devolución do mapa para o seu estampado e gravado. Finalmente, en 1838 dirixiuse aos talleres de L. Bouffard, en París, onde concluíron os traballos de impresión en 1845. Doce pedras calcarias correspóndese coas doce follas que unidas miden 251x232 centímetros.

Un fito da xeografía

Pasou á historia como o primeiro mapa realizado no Estado español con métodos científicos e medicións matemáticas. “Atopei a latitude da Torre da Catedral por máis de 144 observacións astronómicas da Polar [a estrela] e por outras 200 de Orión e por alturas meridianas do Sol”, deixou escrito nos seus cadernos de traballo. Así, a posición xeométrica e astronómica da torre da Berenguela da catedral compostelá foi o quilómetro cero da cartografía que levou Domingo Fontán a percorrer a pé e a cabalo toda a Galiza e que recolle 4.000 igrexas e os principais accidentes xeográficos.

Un dos exemplares orixinais atópase no Pazo de Trasalba (Amoeiro), pois era propiedade de Ramón Otero Pedraio, quen utilizaba a carta para se mover pola Galiza. Outro orixinal pertence á Rede Museística de Lugo, que o restaurou en 2010 e que pode visitarse no Pazo de Tor (Monforte de Lemos). Tamén o Museo Arqueolóxico de Ourense conserva un exemplar.

O Parlamento da Galiza -onde membros do Consello de Administración de Sermos Galiza anunciaron, de maneira simbólica, que se conseguiran as 3.000 subscricións que farían posíbel lanzar Nós Diario-, a sede da Real Academia Galega, a do Consello da Cultura Galega e a Facultade de Xeografía e Historia da USC, onde estudou e impartiu docencia Fontán, acollen outros exemplares. E outro pode atoparse no mercado de segunda man, a través de internet.

No anuncio, o vendedor cualifica a edición, a primeira, de 1845, como “moi rara” e destaca o “bo estado de conservación” do exemplar, “tendo en conta a súa antigüidade e que nunca foi restaurada”. Véndese no seu soporte orixinal por 65.000 euros.

miniaO exemplar que se atopa á venda é un dos 550 encargados ao gravador de París. Segundo a Fundación Domingo Fontán, en 1847 chegaron ao Estado español 500 e 450 foron remitidos ao Goberno polo autor; outros 50 foron distribuídos entre deputados, senadores e gobernadores civís da Galiza, así como a amigos dos mesmos, e os 50 restantes foron remitidos con posteridade e entregados ao Executivo. “Estamos, por tanto, ante algo único polo seu valor histórico”, salienta o vendedor madrileño. Un valor histórico e patrimonial que carece de figuras de protección que impidan a súa venda.

Os restos do xeógrafo atópanse desde 1988 no Panteón dos Galegos Ilustres, mais a súa figura non obtivo o recoñecemento merecido. O propio Fontán da carta xeométrica, nunha misiva dirixida ao seu gravador, Bouffard, lamentaba: “O autor da Carta foi sobre todo esquecido e privado de homenaxe de facer entrega dos primeiros exemplares da súa obra aos seus amigos, e o que é peor é que foi privado do seu diñeiro”. Así o advirte a fundación que leva o seu nome.

En 2018 a Real Academia Galega de Ciencias homenaxeaba o matemático do Día da Ciencia na Galiza, coincidindo co 230 aniversario do nacemento dunha figura que foi recuperada polo escritor Marcos Calveiro na obra Fontán.

Comentarios