xoves 28/01/21
Cultura

Os tópicos que nos contan: Galiza para non galeguistas

Manuel Veiga Taboada presenta no seu novo libro Galicia contada aos non galeguistas, unha obra divulgativa de carácter histórico que xoga cos tópicos para procurar respostas sobre a nosa identidade.
Retrato de Manuel Veiga Taboada (Antonio Gutiérrez).
Retrato de Manuel Veiga Taboada (Antonio Gutiérrez).

Por que as galegas somos conservadoras? Por que a terra tivo tanta importancia e por que o campesiñado foi acusado de malicioso e litigante? Por que somos un pobo emigrante e, ao tempo, unha fábrica de ministros? Estas son algunhas das evocativas preguntas que responde o último libro de Manuel Veiga Taboada (Monforte, 1960), baixo a premisa Galicia contada aos non galeguistas (Xerais, 2020).

A idea do texto acompañábao desde había tempo, pois detectaba un oco. Na súa contorna máis próxima, apreciaba que a rapazada de bacharelato de Vigo igual nunca fora á Coruña, "cando en moitos casos viaxara ao estranxeiro". Para alén dunha mostra das contradicións dese sistema globalizado polo que resulta máis barato desprazarse de Santiago a Londres que a Viveiro, este exemplo ilustra un descoñecemento da Galiza que Veiga ve tamén nas persoas adultas.2020042919125290000

Ao tempo, o autor entende que  existe unha produción inxente de libros de historia, mais que fican "no eido universitario, non chegan á xente común, porque son densos e hai que ter, en moitos casos, unha formación para lelos". "Hai un baleiro de obras divulgativas na Galiza", valora. Para contribuír a enchelo, era a súa intención pór a disposición do público un libro "pequeno, que se le nunha hora, feito dunha maneira clara, con datos, que tratase temas principais para comprender o país".

Dos prexuízos aos tópicos

Veiga enfrontaba ademais outro prexuízo: "Parece que cando  falamos da Galiza son cousas escritas por nacionalistas que se dirixen tamén a nacionalistas, como nun círculo fechado". A súa intención era rachar con iso, cun texto "sen ideas preconcibidas" que procura un público máis amplo.

Por iso, Galicia contada aos non galeguistas é un ensaio construído en clave divulgativa, que se afasta da abordaxe humorística de Do G ao Z (2012) -fóra dalgunha fina ironía que puidese ter escapado- nun traballo moi documentado, pero cunha embalaxe que procura agarrar a atención do lectorado, cunhas vistosas ilustracións de Jano. De contido fundamentalmente histórico, a estrutura segue certa liña cronolóxica, mais artellada arredor dos tópicos. Porque se ben "son falsos, tamén teñen algo de verdade, e ás veces resultan moi interesantes", comenta.

"Galeguista, para a maioría da xente, é case como un termo etnográfico", afirma Veiga

Veiga non evita entrar en temas que poidan xerar debate ou polémica, como a existencia dos celtas ou do Reino da Galiza. Así, as preguntas que hoxe serven de gancho estaban tamén na xénese da obra, nesa procura por ofrecer respostas argumentadas, moitas das cales se basean nos estudos previos do autor, que xa tratara boa parte dos asuntos, desde unha vertente académica, na súa tese de doutoramento. Igualmente, Veiga agradece o libro a tres historiadores que para el foron fundamentais: Anselmo López Carreira, Xoán Carmona e Ramón Villares.

Esa ambigua escada

Se cadra unha das cuestións máis complexas de responder foi a que aborda no capítulo "A ambigüidade da escaleira ten solución", para dar saída ao tópico de que as galegas non saben se soben ou se baixan. Veiga parte da hipótese de que se debe á época da Restauración, cando para calquera tema administrativo había que acudir aos despachos de Madrid.

"A dúbida xurdía ás veces nas escaleiras, porque te atopabas con outra persoa, en ocasións tamén galega, que podía ir preguntar polo61jD8lX4rWL mesmo e interesarche unir forzas, ou ao revés", resume. Esa ambigüidade -ti subías ou baixabas?- vén do "disimulo para obter máis información, igual que esoutro tópico de responder cunha pregunta".

Para o autor, isto ten que ver cunha sociedade centralizada, na que todo se resolvía na capital do Estado e na que a democracia e os dereitos da cidadanía non estaban asentados. "Xogábase moito co engano. Iso aínda segue existindo, o caciquismo móvese con esas claves", explica.

Contra o atraso

Outro dos tópicos que matiza no libro, seguindo a Carmona, é o suposto atraso do país. "Galiza foi atrasada, pero non tanto como se considera", explica Veiga. Alude neste senso á importancia da produción agroalimentar. "Galiza foi unha grande exportadora de carne a Inglaterra", por exemplo, así como ás cidades de España, de man dos Fernández.

Da mesma maneira, a produción de millo, hoxe esquecida "no pintoresquismo dos hórreos", representou "unha historia moi importante, o cultivo a grande escala supuxo unha enorme riqueza e un aumento da poboación". Sinala o autor que chegamos a producir a metade do millo do Estado. "Aquí non había crianzas mal alimentadas, Galiza sempre foi unha despensa", engade.

"Aquí non había crianzas mal alimentadas, Galiza sempre foi unha despensa", engade Veiga

Noutro alarde de curiosidade, o asentamento da Citröen en Vigo debeuse a dúas razóns. A máis coñecida, que era porto marítimo e facilitaba a exportación. Pero tamén porque se inaugurou o encoro de Belesar, que permitiu a subministración de enerxía de maneira segura. De facto, a caída do fluído eléctrico en Madrid resolveuse grazas a outro encoro galego, o de Santo Estevo (Ribas de Sil).  

Estas pílulas informativas son a estratexia coa que o libro de Veiga combate o descoñecemento no que se fundamenta unha visión pintoresca da Galiza, que parte do século XIX e segue predominando en boa parte da poboación. "Galeguista, para a maioría da xente, é case como un termo etnográfico. Non o ve mal, pero é como se te preocupases por algo agrícola, antigo, que se mira con paternalismo", explica.

comentarios