domingo 29.03.2020

'Man', a icona do 'Prestige' que morreu de tristura

Un libro ilustrado de Medulia Editorial lembra a vida e a obra de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle, após case dúas décadas do seu pasamento.

Tapa do libro sobre Man de Camelle (Medulia Editorial)
Tapa do libro sobre Man de Camelle (Medulia Editorial)

Érase unha vez, nun recuncho da Costa da Morte chamado Camelle, onde hai xa moitos anos apareceu un señor chamado Manfred Gnädinger. Con ese nome, evidentemente era de fóra. Alemán, para ser máis concretos.

Alí vivía case illado, á beira do mar, movéndose pola vila medio en coiros, tapando as vergoñas cun taparrabos. Levaba unhas barbas rubias até o peito, e uns pelos que lle chegaban máis abaixo do pescozo. Tamén estaba delgado como un Cristo, pois só comía cousas da terra e rexeitaba con vehemencia os alimentos procesados. E, para máis inri, de profesión era artista.

Por todas estas cousas, con esa ancestral suspicacia cara ao diferente de fondo, había quen lle tiña medo, mais Manfred Gnädinger -ou Man, como lle chamaban- non era o malo deste conto. Era o heroe.

Así o reflicten Beatriz Maceda Abeleira cos seus textos e Laura Veleiro Suárez coas súas ilustracións no último libro da coruñesa Medulia Editorial, que será presentado na súa sede -na rúa Menéndez Pidal, número 4- mañá, sábado 28, ás 19 horas, coincidindo co cabodano do pasamento de Man.

A morte de Man e o mito da trabe de ouro e a trabe de alcatrán

O obxectivo deste “álbum ilustrado”, como o describe Beatriz Maceda para Nós Diario, é “que a rapazada coñeza Man en toda a súa vertente”. “A súa figura paréceme todo un exemplo para a mocidade. Non digo que teñan que ir en taparrabos ou facerse anacoretas, mais se a todos se nos contaxiase algo da súa coherencia e do seu ecoloxismo, mellor nos iría”, engade.

Esa “coherencia” é, para a autora, o trazo definitorio do alemán de Camelle: “Impactoume moitísimo a súa figura, tanto pola súa forma de vida como por esa coherencia que a determinou, tanto no persoal como no referente á súa obra. Era unha persoa que estimaba e admiraba, até o punto de que pasei varios días chorando cando souben do seu pasamento, que para min simbolizou a crueldade desta sociedade”.

Porque Beatriz Maceda, como tantas outras persoas, consideran que Man non morreu “de causas naturais”, como informaron as autoridades, senón “da pena, da tristura” causada por ver a súa terra de acollida tinguida de negro chapapote após da crise do Prestige.

“Cando viu que todo o mar estaba negro, el decidiu pecharse na súa cabana e morrer. A xente da vila ía alí a levarlle comida, pero non lles abría a porta. Cando decidiron botala abaixo, xa era demasiado tarde, estaba morto. A profecía da balea negra facíase realidade”, explica a autora de ‘Man’.

Esa profecía da balea negra que referencia a escritora e profesora tivo lugar uns meses antes de que tivese lugar a catástrofe do Prestige, cando Man lle contou a varios veciños da zona un sinistro soño naquel idioma que falaba, un castelán galeguizado profuso en infinitivos: “Seguirá llegando alquitrán hasta que no quedar más en mar, y cuando ya no llega alquitrán, venir una ballena negra, grande como Costa da Morte, muerta. Entonces yo enterrar y todo acabar para min”. Moitos relacionaron o soño do alemán de Camelle co mito da trabe, segundo o cal o home, buscando a trabe de ouro, atopará a trabe de alcatrán e o mundo afundirá.

O poder da imaxe

O volume de Medulia Editorial é unha edición corrixida e aumentada que presenta un novo formato e chega máis de sete anos despois do seu lanzamento orixinal, por parte da desaparecida Galebook.

Beatriz Maceda revela que, no seu momento, o libro tivo “moi boa acollida”, mais facíase “necesaria” esta revisión, porque “as cousas cambiaron moito desde 2012, pois agora hai un museo dedicado á figura de Man e restaurouse a cabana onde vivía”.

Entre os extras desta nova edición  destacan “unha unidade didáctica para que a rapazada pense e traballe sobre a figura de Man” e “un anaco do seu testamento, no que expresa o seu desexo de que se conservase o seu legado, quedando a disposición do Ministerio de Educación, para o que deixaba os aforros de toda unha vida, 120.000 euros que nunca se recuperaron, pois quedou con eles Facenda”.

O principal beneficiado da reedición de Man foi o apartado gráfico, que vai asinado pola ilustradora Laura Veleiro. “A anterior edición non estaba mal, pero era cadrada, máis pequena, e o novo formato non presenta esas limitacións, permitindo presentar incluso láminas a dobre páxina”, conta a ilustradora a Nós Diario.

Nos seus debuxos, “feitos con lapis, acuarela e algún detalle en tinta, ao estilo tradicional”, pretende “mostrar, especialmente á rapazada, como estaba o museo de Man e como eran as súas obras cando estaban acabadas de facer, e non estragadas polo tempo, para que miraran a beleza que el vía en todo o que o rodeaba, esa foi a miña inspiración”.

comentarios