Máis de mil músic@s participan no Certame de Bandas en Compostela

Quince bandas e máis dun milleiro de músic@s participarán os días 16 e 17 no VII Certame Galego de Bandas de Música. O multitudinario encontro musical busca difundir, promover e recoñecer a calidade e a enerxía das nosas bandas de música. 

photo_camera

Chegar a música á cidadanía, apoiar a formación de novos talentos e manter viva a tradición musical galega son os obxectivos que a Federación Galega de Bandas de Música Popular se marca á hora de organizar cada ano o Certame de Bandas que chega esta fin de semana a súa sétima edición. A cita forma parte xa da axenda das bandas do país que desenvolven un traballo de especial dedicación de cara a súa participación no concurso. 

Quince bandas procedentes de todo o territorio galego e máis dun millar de músicos e músicas participarán os días 16 e 17 na sétima edición do certame Galego de Bandas de Música que se celebra no Auditorio de Galiza en Santiago. 

Máis de 5.000 músic@s 

Mil participan no encontro en Compostela máis o número de músic@s das  bandas federadas supera  os 5.000. “O Certame supón moito esforzo, un traballo premio de grande intensidade, ensaios individuais, con profesores, directores...É, en certa medida, a posta en escena de toda esa preparación e no concurso compróbase cada ano a alta calidade das nosas agrupacións”, explica Lucía Carreira, presidenta da Federación Galega de Bandas de Música Popular (FGBMP). 

Durante dúas xornadas, as quince bandas seleccionadas por sorteo, competirán nas tres seccións do concurso, en función do número de participantes, ate 50 a terceira, de 51 a 70 a segunda e máis de 71 a terceira. A competición iniciarase o sábado ás 16 horas coas bandas de menos número de membros para continuar cos da segunda ás 19.30 e rematar coas bandas de maior dimensión a partir das 16 horas do domingo. 

A Banda de Música de Solfa de Compostela iniciará o programa da competición, virán despois a de Moaña “Airiños do Morrazo”, a Banda Sinfónica Adagio Cantabile, a de Vilatuxe e pechará a sección a de Belesar. A seguir, o concurso levará ao escenario a “Sementeira” de Cambre, a Xuvenil de Torroso, a de Arca, a de Santa Cruz de Ribadulla e á Musical Atlántica de Matamá. No domingo, as agrupacións que tocarán co desexo de seren proclamadas as mellores bandas de Galiza serán a Municipal de Valga, a Agrupación Musical de Vincios, a de Caldas de reis, a de Salcedo e a Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira. 

Exame rigoroso

A bandas pasarán en Compostela un rigoroso exame no que un xurado de especialistas valorará a afinación, a sonoridade e a interpretación e técnica das agrupacións participantes que terán que interpretar unha obra obrigada un pasodobre e unha peza libre. 

Como cada ano, o público estará composto polas persoas participantes -na súa maior parte mocidade desde os dez anos- e tamén familiares, dando conta tamén da relevancia que as agrupacións teñen en especial no seu entorno. “Hai vilas nas que a actividade cultural xira arredor das bandas de música. Mantense grazas aos pais, á familia e teñen un importantísimo compoñente social. Arredor das bandas non só xiran os propios músicos senón tamén as familias e o seu entorno”, explica Lucía Carreira. 

Canda o concurso de interpretación, cada ano se desenvolve o de composición, da que saen obras gañadoras que serán pezas obrigadas no programa do Certame do seguinte ano. A condición é que teñan temática galega co que o Certame busca contribuír a incrementar o repertorio de música para bandas. “Publícanse, cólganse nas canles nosas, repártense por todas as bandas para seren tocadas nos auditorios de Galiza de maneira que non hai quen teña un cartel de presentación como este”, sinala Lucía Carreira. 

Comentarios