Máis

As aves de xullo

Especies que nos visitan este mes e onde poder observalas.
Kokmeeuw staand met vis in bek; Common Black-headed Gull standing with fish in beak
photo_camera Exemplar de gaivota chorona. (Foto: Nós Diario)

Co mes de xullo chega a calor, e con ela os plans de sol e praia. Mais este cálido mes ofrécenos tamén alternativas de ocio, sobre todo se gostamos da natureza e dos espazos abertos. O aumento das horas de sol e a climatoloxía agradábel permitiranos saír ao campo e observar, entre outras cousas, os cambios que o estío trae  

Ao longo do mes de xullo a natureza tópase en transición: algunhas aves aínda están rematando o seu proceso de nidificación e outras xa remataron e comezan a migrar. A Galiza recibe novas especies procedentes das súas áreas de nidificación, unhas abandónannos e outras, ao mesmo tempo, realizan movementos posreprodutivos que as levan a concentrarse en determinadas áreas do país. 

As tartarañas cincentas (Circus pygargus), escollidas como Ave do Ano 2023 a través da votación popular lanzada pola entidade ecoloxista SEO/BirdLife,  é unha das especies que están a rematar o proceso de reprodución. Así, poderemos ver os poliños desta ave vulnerábel ensaiar os seus primeiros voos na contorna dos seus niños. Será fácil de observar na Serra do Candán e nas Brañas do Xestoso (onde conflúen as comarcas de Terra de Montes, O Carballiño e Deza), en Calvos de Randín e Baltar (A Limia) e na Terra Chá.  

Precisamente, e a pesar da declaración como especie vulnerábel, a presenza da tartaraña cincenta na Galiza atópase ameazada por proxectos eólicos como o Targos, que de ser tramitado afectaría a contorna das Brañas do Xestoso.

Non obstante, para observar aves rapaces en concentracións rechamantes, o recomendábel será acceder a zonas de alta montaña, onde estas especies se dispersan nesta época en busca de insectos, pequenos paxaros, roedores, etc. para se alimentar. Así, no Macizo Central poderemos observar con facilidade o lagarteiro vulgar (Falco tinnunculus), a aguia cobreira (Circaetus gallicus), a gatafornela (Circus cyaneus), e o voitre leonado (Gyps fulvus), que se deixa ver desde este mes até ben entrado o inverno nos sistemas montañosos que contan con gando ceibe. 

Tamén nas áreas de montaña, pero en zonas boscosas e incluso na contorna das aldeas, observaremos un elevado número de pequenas aves, como o peto formigueiro (Jynx torquilla), o rabirrubio de testa branca (Phoenicurus phoenicurus) e incluso andoriñas comúns (Hirundo rustica) e de cú branco (Delichon urbicum), que neste mes e no seguinte aparecerán en gran número. A estas dúas últimas poderémolas avistar tamén, con relativa facilidade, en zonas urbanizadas.

Tamén nos areais menos concorridos

As praias máis populares estarán rozando a ocupación total durante este mes, o que impedirá a observación de aves. Porén, naqueles areais menos concorridos poderemos observar unha elevada diversidade de especies, pois xuntaranse as residentes con aquelas que, procedentes do norte, se atopan de paso cara o sur anticipándose á temporada invernal. 

Nestas zonas húmidas aparecerán en xullo as gaivotas choronas (Larus ridibundus) e as cabecinegras (Larus melanocephalus), que volven xa despois de criar no norte de Europa. Tamén especies limícolas como as garzas reais (Ardea cinerea) ou as garzotas pequenas (Egretta garzetta) aparecerán en zonas húmidas costeiras como as do Grove (O Salnés), as rías de Ribadeo e Foz (A Mariña), a de Ortigueira (Ortegal), a urbana ría do Burgo (A Coruña), a ría de Ponteceso (Bergantiños), A Ramallosa (Baiona, Vigo), ou cabo Silleiro e o esteiro do Miño na Guarda (Baixo Miño).

Tamén noutros cabos poderemos ver aves durante a súa viaxe cara o sur, aínda que en menor número que nos meses seguintes. Mascatos do atlántico (Morus bassanus), carráns cristados (Thalasseus sandvicensis), pardelas cincentas do Atlántico (Calonectris borealis) e furabuchos das baleares (Puffinus mauretanicus) faranse ver na Estaca de Bares (Mañón, Ortegal), nos cabos Vilán, Touriñán e Roncudo (Camariñas, Muxía e Ponteceso, respecivamente, na Costa da Morte) ou no cabo de Corrubedo (Ribeira, O Barbanza). 

A ética de observar aves

As aves, como calquera ser vivo, ao longo do seu ciclo vital poden pasar por situacións conflitivas que as poden levar á morte, e deben soportar temporais, migracións de centos de quilómetros, levar a cabo a crianza e outras dificultades que non debemos aumentar en ningún caso coa nosa presenza. Nas observacións, as nosas inxerencias deben ser mínimas, sen deteriorar os ecosistemas, estorbar a fauna ou facilitar o acceso a depredadores. 

Comentarios