Máis de 200 locais participan do ciclo Compostela Diversa

Actividades lúdicas e de reflexión visibilizan a realidade LGBT.
Mercedes Rosón e Sindo Guinarte, onte na Alameda compostelá. (Foto: Concello de Santiago de Compostela)
photo_camera Mercedes Rosón e Sindo Guinarte, esta segunda feira na Alameda compostelá. (Foto: Concello de Santiago de Compostela)

Perto de 200 estabelecementos comerciais, hotelerios e hostaleiros da cidade de Compostela participan na campaña de difusión e visualización da realidade LGTB no marco da iniciativa Compostela Diversa, que ofrece un ano máis na capital galega un amplo programa de actividades lúdicas e de reflexión. Ademais, de maneira complementaria, varios puntos da cidade contarán con iluminación e decoración especiais.

A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, e o de Turismo, Sindo Guinarte, presentaron esta segunda feira na Alameda o programa –elaborado coa colaboración de Avante LGBT+, Arelas e a Casa Xohana Torres– que inclúe xornadas de reflexión, actividades lúdicas, intervencións no espazo público e unha campaña de difusión e concienciación sobre a realidade LGBT.

Esta quinta edición de Compostela Diversa decorrerá do 24 de xuño ao 8 de xullo, e o programa arrancará coa mesa redonda "Arredor da Lei 4/2023", con Charo Alises, avogada e doutora en Ciencias da Comunicación, activista e presidenta de Ojalá Málaga, e Mireia Martí, activista intersexual e xurista. 

O mesmo día 24 pola tarde proxectarase Alex & Munchie de Carmen P. Granxeiro e Xácia Ceive, seguido dunha conversa coas directoras. Tamén desde as 13.30 até as 23.30 horas a praza de Mazarelos acollerá un programa lúdico, artístico e poético, no que intervirán escritoras e artistas. 

A segunda feira 26 de xuño terá lugar unha conversa sobre "Festas, corpos e política", e a cuarta feira 28 levarase a cabo a lectura do manifesto. O 8 de xullo fecharase o programa cunha xornada organizada pola asociación de familias de menores trans Arelas. Baixo o título "Orgullo Trans Arelas" decorrerán proxeccións de filmes, un xantar campestre, contacontos, actuacións musicais e unha marcha de orgullo.

Comentarios