'Un maínzo de sal', de Míriam Ferradáns, gaña o Premio Lueiro Rey de Xornalismo

A autora, colaboradora habitual de 'Nós Diario', ten recibido numerosas distincións pola súa obra.
A autora Míriam Ferradáns.
photo_camera A autora Míriam Ferradáns.

O artigo Un maínzo de sal, da autoría da escritora Míriam Ferradáns, colaboradora habitual de Nós Diario, resultou gañador da sexta edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey do Concello de Fornelos de Montes (comarca de Vigo) para textos de denuncia social. O xurado destacou a calidade dos textos presentados nesta convocatoria do certame. A peza de Ferradáns iníciase cun episodio protagonizado por un neno chamado Raúl para se adentrar no tema da pobreza infantil, eixo central do texto gañador do premio.

O xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal e Carme Carreiro, que actuou como secretaria, destacou a "calidade da lingua" do artigo e tamén a temática abordada que, "desde a reivindicación social, fala da exclusión na infancia a causa da pobreza". "O texto achéganos a un tema moi duro como é a pobreza infantil desde a primeira persoa, desde un dos protagonistas, que non só non ten cubertas as necesidades básicas senón que sinte a necesidade de ocultar a súa condición de neno pobre para que non sexa unha causa que o afaste dos seus compañeiros e compañeiras", apuntan.

As e os integrantes do xurado destacan tamén que o artigo nos aproxima a "unha inxustiza que afecta a infancia" e que ten unha importante presenza na nosa sociedade. "Moitas veces as persoas pensan que a pobreza infantil é doutros territorios mais, como nos relata o artigo de Míriam Ferradáns, está á nosa beira", sinalan, ao tempo que destacan o "interese da combinación entre a historia persoal do protagonista e os datos" que falan da alarmante cifra de crianzas que padece pobreza alimentaria.

Aliás, o xurado destaca o "uso de metáforas que enriquecen o texto" e a "calidade literaria" do artigo co que Ferradáns gaña unha edición que, celebran, contou cunha "altísima calidade e unha ampla variedade" de temas de carácter social. O premio será entregado en Fornelos de Montes nun acto que se desenvolverá no decurso da Semana Cultural de agosto.

Míriam Ferradáns (Bon, Bueu, 1982) é graduada en Traballo Social pola Universidade de Vigo e autónoma da ensinanza secundaria. Como poeta ten publicadas a plaquette Deshabitar unha casa (2016) e Nomes de Fume (2017), cos que gañou, respectivamente, o premio de poesía Francisco Añón e o Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé. Nos anos 2013 e 2014 gañou o primeiro premio Rosalía de Castro de Cornellá. Con Do tacto recibiu o primeiro premio de poesía Leiras Pulpeiro no ano 2016. A finais de 2019 a editorial Apiario publicou o seu último libro, Agosto.

En 2021 gañou o XVIII Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego co artigo Dalias, publicado en Nós Diario. E nese mesmo ano gañou os XXIX Xogos Florais María Pita da Coruña co poemario Corazón de chícharo e acadou o terceiro premio do certame Leiras Pulpeiro coa composición As AmantesAliás, algúns dos seus poemas foron traducidos ao portugués, alemán, inglés, italiano e mesmo ao finés.

Comentarios