Contracultura

Madó Santos: "A cultura precisa de investimentos a longo prazo"

María Dolores Santos Maneiro, coñecida como Madó, vén de ser recoñecida co Premio da Academia Galega de Teatro pola súa traxectoria como programadora cultural, labor que leva exercendo practicamente toda a súa carreira. Así, a Academia valorou positivamente a aposta e o esforzo realizado por parte de Madó Santos desde o seu posto no Concello de Muros, por atraer as representacións do tecido e a industrial teatral galega. 
A galardoada Madó Santos traballa no Concello de Muros como programadora cultural (Foto: Nós Diario).
photo_camera A galardoada Madó Santos traballa no Concello de Muros como programadora cultural (Foto: Nós Diario).

—Despois dunha longa traxectoria como programadora cultural, como recibe agora o Premio da Academia Galega de Teatro?
Recíboo con moita sorpresa, pois nunca pensei que ninguén me fora propor para ningún recoñecemento, e con moitos nervios, por ser algo inesperado e novo para min. Por suposto, emocióname e síntome moi agradecida.

—De onde lle vén esa determinación de apostar polo teatro galego e aumentar a súa visibilidade e o interese do público?
No meu traballo procuro facer propostas novas, escoitar o público e ir traballando cada programa cos meus superiores, os colaboradores e o público en xeral. Tamén temos que ter en conta os nosos recursos e dispoñibilidades. Deste conxunto vai saíndo unha programación que procuro defender con paixón para conseguir continuidade. No que respecta ao teatro, apostamos polo teatro galego porque goza dunha excelente calidade, fala da nosa realidade, ten unha boa resposta do público e penso que é uha boa forma de apoiar a nosa cultura. Alén de todo isto, a pertenza ás Redes Culturais da Deputación da Coruña e á Axencia Galega de Industrias Culturais favorecen a programación estábel de teatro galego.

—Tendo en conta a súa experiencia profesional, percibe un apoio por parte das institucións á hora de promover e difundir esta disciplina?
Como dicía anteriormente, as Redes, que dependen das institucións, axudan en gran medida a promover e difundir o teatro. Desde os concellos a situación é moi diferente entre uns e outros. Baixo o meu punto de vista, os recursos en xeral son escasos, e ademais é moi importante que cada concello conte con persoal técnico que garanta tanto o mantemento como a mellora dos programas no tempo, pois a cultura precisa de investimentos a longo prazo.  

—No momento no que chegou ao seu posto e decidiu facer esta aposta, como foi recibida tanto no Concello como no que respecta ao público?
Cando comecei a traballar non existía o hábito nin, polo tanto, tampouco cultura de teatro. Con todo, podo dicir que a resposta da veciñanza de Muros ao teatro en xeral sempre foi boa. Isto permitiu ir gañando tanto en calidade como en cantidade, ao que tamén contribuíu o desenvolvemento de iniciativas como o obradoiro de teatro ou a creación de diferentes grupos de teatro amador. Hoxe en día considero que son un público estupendo e moi agradecido. 

—Tendo en conta a súa traxectoria, como foi evolucionando o seu traballo ao longo destes anos e o interese do público polo teatro?
Nos seus comezos, o meu traballo era moi disperso porque tiña que ocuparme de moitas áreas. Non obstante, a medida que foi pasando o tempo puidemos contar con máis persoal técnico. Isto posibilitou que puidera ir centrándome cada vez máis en áreas de traballo concretas e específicas, especialmente cultura e educación. 

No que respecta á área de cultura, foi moi importante a creación das Redes Culturais, a Rede da Deputación e a Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic, nas que nos integramos desde a súa creación. Grazas a estas iniciativas foi posíbel favorecer a estabilidade na programación cultural, algo que para min é fundamental, entre outras cousas, polos investimentos a longo prazo.

Os meus intereses no traballo dan resposta sobre todo aos intereses das persoas usuarias, e con sensibilidade. Isto quere dicir que se pomos en marcha un programa e, a pesar de intentar que funcione, non se acada unha resposta positiva, este terá que deixar paso a outros que si conten con esta aceptación e celebración. Con todo, teño que recoñecer que a resposta nas programacións de teatro en Muros adoita ser boa.

Comentarios