Contracultura

Madalena Gamalho: "Para o novo disco recibín a inspiración de moitos nomes da música portuguesa"

Madalena Gamalho, cantante e compositora, presenta o seu primeiro disco en solitario, 'Invento', no que mostra a súa propia evolución vital así como as conexións coa música e a cultura lusófonas. Gamalho fala do proceso de creación xunto con Iván Barreiro, produtor do proxecto, e das reflexións emocionais nadas, como ela di, "de observar as persoas e como reaccionan ante determinadas circunstancias, tamén como unha aprendizaxe sobre min mesma".
A artista Madalena Gamalho inspírase na música lusófona para crear o seu estilo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A artista Madalena Gamalho inspírase na música lusófona para crear o seu estilo. (Foto: Nós Diario)

—Como xorde Invento?
Na época de pandemia, tiña algunhas cancións feitas que quería enviar a diferentes produtoras, mais falando con Iván Barreiro suxeriume que agardara e facer algo. Desde que nos coñecemos sempre tivemos moi boa sintonía á hora de traballar, así que comecei a mandarlle ideas e el ía facendo os arranxos.

Foi un disco que naceu progresivamente a través de videoconferencias, aínda que eu sempre quixera facer un traballo en solitario, era unha idea que xa estaba na miña mente. Supoño que facer algo así require de certa valentía, de verse preparada e de ter as ferramentas e a experiencia para facelo. 

—Cal é a palabra que defineo estilo do disco?
Ecléctico. Hai trazos de pop, rock, músicas do mundo, funky e inclusive rap. Nalgúns destes xéneros si que me movía ou adoitaba escoitalos, pero outros son máis novos. Por outra banda, unha das características que ten o disco é que canto con fonética portuguesa e a inspiración que recibín de moitos nomes da música lusófona como Mayra Andrade, Mariza ou João Afonso. A partir de todo isto fun experimentando e así foi como xurdiu o estilo do proxecto.

—Nas cancións destaca moito a cuestión emocional. De onde vén?
Diría que é pola miña personalidade, de observar ás persoas e como reaccionan ante determinadas circunstancias, tamén como unha aprendizaxe sobre min mesma. Son unha persoa moi reflexiva e vexo as emocións como algo intrínseco dos seres humanos; creo que é vital entendelo para a procura da felicidade, iso que imos buscando todas as persoas. Alén disto, é unha maneira de reaccionar a tantas noticias negativas que deixan o ser humano como o peor. Obviamente hai cousas malas no mundo, mais tamén é certo que no noso día a día, no noso contexto máis achegado, podemos atoparnos con persoas marabillosas que nos axudan, polo menos na miña experiencia. Ter esa confianza na persoa descoñecida coa que podemos acabar tendo unha conversa marabillosa.

—O disco está composto por seis cancións propias, tres poemas musicados e unha versión de Teresa Torga de José Afonso. Por que decidiu facelo así?
Como dicía, o proxecto foi nacendo progresivamente. Algunhas das cancións xa estaban creadas, aínda que precisaban dunha vestimenta, dun arroupo musical; e outras, como Todas as pessoas, non existían e xurdiron no medio deste proceso. Unha das poesías quería incluíla no álbum porque foi a finalista nos premios Musicando Carvalho Calero 2020, e ao final decidimos que ía ser un álbum moi completo con dez cancións, incorporando tamén outro poema seu. A versión foi un tema que sempre me fixo vibrar pola figura de Teresa Torga e porque son unha grande admiradora da música de José Afonso. É unha canción que simboliza a loita feminista, ou polo menos eu vívoo así, e representa iso en Portugal tamén, por iso foi incluída no disco cun arranxo que a fai totalmente diferente á orixinal. 

—Agora cal é o plan a futuro?
Queremos seguir a xira das presentacións. Este 26 de agosto imos estar en formato dúo acústico no Festival da Revolta do Umia en Cuntis e o 16 de setembro en Santiago na Gentalha do Pichel. Non é por desmerecer o disco, mais os directos son totalmente diferentes, como unha meditación. Meditar ao final é ter a atención plena en algo, para algunhas persoas pode ser fechar os ollos e respirar, pero para outras pode ser calcetar ou cociñar.

Un concerto é un momento no que estás vivindo a música, espertando emocións moi bonitas. A música en directo é fundamental, mais hai que apostar por ela.  

Comentarios