O ciclo compostelán 'De Lugares e Órganos' volve ás orixes na Semana Santa

O Concello de Santiago recupera esta actividade musical nas datas orixinais para as que foi creado. Nesta sétima edición haberá actuacions en San Paio de Antealtares, Santa Clara, a Igrexa da Universidade e Nosa Señora da Mercé en Conxo.
Mercedes Rosón e Belén Bermejo na presentación do ciclo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mercedes Rosón e Belén Bermejo na presentación do ciclo (Foto: Nós Diario).

A sétima edición do ciclo 'De Lugares e Órganos', a iniciativa que procura visibilizar o patrimonio relixioso e a música, volve á Semana Santa de Compostela despois de dous anos nos que a pandemia forzou o seu traslado ao verán. Do 8 ao 17 de abril a cidade acollerá a organistas de renome como Annelie Gahl, Michael Schöch, Cristina Alís, María de Mingo, Marta López, Marés Sonoras, Javier Artigas ou os Ministriles de Marsias que ocuparán diferentes espazos emblemáticos da cidade. 

Na presentación desta edición, realizada esta pasada terza feira no Pazo de Raxoi, participou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada pola directora artística do evento, Belén Bermejo.

"Para o Concello de Santiago é moi importante achegar a cultura a toda a cidadanía", comentou Rosón, que salientou esta "volta ás orixes" do ciclo "a través da posta en valor o patrimonio e a historia sonora de Compostela". 

Bermejo, polo seu lado, apuntou a importancia de que na programación sexan unha vez máis protagonistas "os órganos e os lugares de Compostela, testemuñas dun pasado esplendoroso que intentamos reconectar co presente e facelo visíbel". 

De San Paio de Antealtares até Conxo

As actuacións comezarán o día 10 de abril cun recital de órgano e violín en San Paio de Antealtares a cargo de Annelie Gahl e Michael Schöch. A segunda feira 12 abril a música trasladarase a Santa Clara cun programa de organetto e cítola, dos séculos XIII a XV, que interpretarán Cristina Alís e María de Mingo.

O día 15 na Igrexa da Universidade, da man da organista compostelá Marta López e do grupo Marés Sonoras, mesturaranse estilos que navegan entre a  música barroca e o jazz pasando pola improvisación. O ciclo rematará o domingo 17 co organista Javier Artigas, xunto aos Ministriles de Marsias, na Igrexa de Nosa Señora da Mercé (Conxo)

Alén destes concertos, o ciclo acollerá, entre outras actividades, a gravación do programa 'Efervesciencia', da Radio Galega, que tratará de tecnoloxía, ciencia e música sobre o órgano Hammond e unha andaina guiada polo escritor e editor Henrique Alvarellos pola senda que conduce á carballeira de Conxo até o lugar do Banquete e do centenario carballo.

Comentarios