Henrique Alvarellos é director de Alvarellos Editora

Henrique Alvarellos: "Esta árbore é un símbolo da Galiza, mesmo Rosalía consideraba o carballo árbore patria"

O concello de Santiago presentou a candidatura do carballo situado no bosque do Banquete de Conxo para ser a Árbore Europea de 2022. Para o argumentario da candidatura puxéronse en contacto con Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, quen editou e publicou unha obra na que dá conta dos carballos centenarios deste bosque que aínda hoxe viven. Alvarellos explica a importancia da coñecida como “Árbore da Fraternidade” para a cultura galega, así como a relación de Rosalía de Castro co bosque de Conxo.  
Henrique Alvarellos e a “Árbore da Fraternidade”, no bosque de Conxo. (Foto: Nós Diario) #henriquealvarellos #conxo #árboredafraternidade
photo_camera Henrique Alvarellos e a “Árbore da Fraternidade”, no bosque de Conxo. (Foto: Nós Diario)

Que importancia ten este carballo para ser a única candidatura galega a Árbore Europea de 2022?

Carballos centenarios hai moitos no noso país, pero hai algo máis importante que a idade ou o tamaño dun carballo, que é o seu relato histórico. Este carballo é moi singular, case único. Está nun entorno dun bosque, o bosque do Banquete de Conxo, que eu defino como cofre botánico, porque estivo fechado desde 1885, ano en que se inaugurou o psiquiátrico de Conxo, até 2018, que se abriu ao público esa zona ao carón do río Sar. Preservouse con toda a pureza dun bosque de ribeira. O carballo é o máis ancián de todo o bosque, que no século XIX chegou a ter case mil exemplares, antes da deforestación e as cortas masivas. Hoxe en día resisten corenta carballos aproximadamente.

A árbore, con case tres séculos, é o emblema do bosque.

No libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo que publiquei e editei, chamámoslle ‘O avó’. Calcúlase que naceu entre 1770 e 1780. É un símbolo de resistencia que permite coñecer un bosque de ribeira encadrado nunha cidade como Compostela. Ademais, a árbore foi testemuña en 1856 do insólito e polémico Banquete de Conxo. Foi un acto político do Partido Demócrata de defensa dos ideais da revolución francesa que se celebrou nesa carballeira e que tivo que ser disfrazado de banquete para que as autoridades o permitisen.

Xuntou obreiros e artesáns, comandados polo poeta santiagués Aurelio Aguirre. 

Que relación ten o carballo con Rosalía de Castro?

O bosque de Conxo era o espazo natural favorito de Rosalía de Castro. Ela ambientou a última novela que publicou en vida, El primer loco, neste espazo, e dotouno de vida, o que era algo pioneiro na literatura. Facía unha defensa ambiental e ecolóxica do bosque, que para as especialistas é unha das primeiras accións que en literatura fan unha defensa da natureza como algo a preservar. Tamén en Las orillas del Sar, nos seus poemas “Los robles” e “Jamás lo olvidaré”, fai unha denuncia da corta masiva de árbores que se estaba a facer en Conxo arredor do ano 1880.

Que suporía para a árbore obter este recoñecemento?

Esta árbore é un símbolo do noso país, mesmo Rosalía de Castro consideraba os carballos como árbore patria. Sería un motivo de ledicia e orgullo que lograse ese recoñecemento. Xa é unha das once elixidas en todo o Estado, e se agora conseguise pasar á seguinte fase referendaría a enorme riqueza que teñen os nosos bosques, así como a necesidade de preservalos. É unha mostra de que calquera acción pública da Administración debe ter presente o respecto pola natureza, en especial nas zonas que rodean as cidades.

No caso de que o carballo do Banquete de Conxo se converta na Árbore Europea de 2022, podería marcar un fito no pulo pola preservación das árbores autóctonas?  

Debería ser así. O obxectivo final desta candidatura é que haxa unha sensibilización definitiva cara á preservación da natureza do noso país. Neste caso, dos espazos naturais que se atopan nas contornas das cidades. As cidades e vilas galegas están rodeadas de bosques centenarios. Eu, que son nado en Lugo, sei moi ben do que falo ao dicir isto. Na Galiza hai numerosos bosques de ribeira en ríos que bordean cidades como Santiago, Pontevedra, Lugo ou mesmo Vigo. Eses espazos verdes deben ser protexidos e preservados pola sociedade. Este tipo de concursos conseguen volver pór no foco estas árbores, así como sensibilizar a xente, o que obriga a que a Administración se involucre e asuma como prioridade desenvolver actuacións.

Comentarios