RAMÓN ROZAS, COMISARIO DA EXPOSICIÓN SOBRE LUEIRO REY

“Lueiro considerábase un exiliado interior”

Outra das efemérides importantes deste 2016 é o centenario do nacemento do poeta, narrador e xornalista Manuel Lueiro Rey (1916-1990), a quen se lle dedica en Pontevedra a exposición 'Camiño aberto. 100 anos de Manuel Lueiro Rey' que comisariou Ramón Rozas, con quen falamos sobre o escritor.

ramonrozas
photo_camera Ramón Rozas, durante a presentación da exposición

A exposición, que pecha o 19 de xuño no Pazo da Cultura pontevedrés e contou co asesoramento de Ramón Nicolás, súmase aos múltiples actos que se están a celebrar neste centenario na súa vila natal, Fornelos de Montes, promovidos por unha asociación local liderada por Carme Carreiro, peza fundamental no traballo a prol da difusión da figura de Lueiro. 

-A mostra 'Camiño aberto. 100 anos de Manuel Lueiro Rey' quere reivindicar a súa figura no centenario do seu nacemento. Mágoa que este ano coincidiran tantas outras efemérides.
- O que está detrás desta celebración ao cumprirse o centenario é un claro espírito reivindicativo. Poñer en valor a vida e, sobre todo, a obra dun poeta, dun narrador, dun xornalista, que tanto eu coma outras moitas persoas coidamos que ten a calidade suficiente como para ter un respaldo deste tipo. 

- Lueiro segue a ser un gran descoñecido para o común da cidadanía galega. 
- Si, para a galea e mesmo para o propio cidadán de Pontevedra, que foi onde levou a cabo a súa vida profesional, e un pouco máis na súa vila natal, Fornelos de Montes, ou no Grove, onde viviu. Si, eu mesmo cheguei a Lueiro hai poucos anos, aínda estando dentro do mundo da creación e do xornalismo, e traballando no Diario de Pontevedra, que é o medio no que el colaborou con moitos artigos, tamén é un descoñecido. De aí o empeño nos últimos anos de recuperar a súa figura. 

“A viaxe a Bos Aires, cando entrou en contacto cos exiliados galegos, foi un momento crucial na súa vida, porque alí colleu unha maior conciencia do que era Galiza. E a partir desa viaxe vai escribir xa por completo en galego”

- Lueiro tivo unha vida ben intensa, e para un xornalista coma ti supoño que atopaches unha grande historia ao afondar nela. Cal foi para ti a época máis interesante da súa vida?
- A vida que lle tocou foi complicada para unha persoa da súa sensibilidade e dos seus ideais. Nun vídeo que proxectamos na expo, el considerábase -xunto con celso Emilio Ferreiro, que era moi amigo seu- un exiliado interior. Durante os anos 40 e 50 foi un personaxe que estivo absolutamente asoballado e sometido polo tempo que lle tocou vivir. Logo nos anos 60 foron anos de máis apertura e aproveitouse diso, sobre todo nos artigos en prensa, de tentar facer o que lle pedía o corpo, de reivindicar o ser humano, a liberdade, o compromiso cos traballadores. Pero tamén nas súas novelas tamén está presente, como 'Manso', que gañou o Cidade de Oviedo e que logo á hora de ser publicada tivo problemas coa censura, ao igual que en artigos en prensa, lembro un que publicou no Diario de Pontevedra, no que gababa a obra de Bertolt Brecht, el tiña o valor de falar diso, aínda que logo para el tivera certas consecuencias. Eu creo que a súa época máis feliz foi cando foi concelleiro de Cultura no Grove polo PCE, no tempo da Transición. Alí tivo oportunidade de reivindicar a moitas persoas como Rafael Alberti ou Luís Seoane a través de homenaxes que tiñan lugar no Grove. E a súa poesía medrou motísimo nese tempo, era moito máis libre, con moitas máis posibilidades. Eu creo que esa época foi a mellor, xunto cun momento moi especial da súa vida, a viaxe que fixo no 68 ou 69 a Bos Aires, cando entrou en contacto cos exiliados galegos, con Arturo Cuadrado, Luís Seoane, Lorenzo Varela... Iso foi un momento crucial na súa vida, porque alí colleu unha maior conciencia do que era Galiza, da lingua, e entón el a partir desa viaxe vai escribir xa por completo en galego. Esa viaxe é fundamental, el mesmo é consciente diso e fala dela como unha especie de revelación. Chegar alí e ver a comunidade galega, os creadores, que estaban alí facendo patria, para el foi un impacto e, de feito, á volta empeza a escribir poesía en galego.

- E o Lueiro xornalista?
- Para min foi unha descuberta. Cada artigo que atopo del paréceme fantástico. Era capaz de nun xornal facer artigos cunha carga moi literaria e moi poética e, ao tempo, vencellalos coa realidade, amosando unha sensibilidade que está presente en todos os artigos. Estou falando dos anos 60 no Diario de Pontevedra. Anos despois, en A Nosa Terra, aí xa é máis libre e fala desde unha visceralidade, sobre todo ao ver que esa Transición, que el vía que se estaban a cometer erros que xa se cometeran anos atrás. Ese espazo que había para a esperanza, el era quen de ver que non era tal. E os artigos desa época teñen unha actualidade tremenda, porque falan de bancos que roubaban, de políticos corruptos... é sorprendente a vixencia que aínda teñen hoxe.

“Ten moitos aspectos que respaldan unha posible candidatura para o Día das Letras”

- En galego publicou sete obras -catro poemarios, dúas de narrativa e un ensaio-. Pregúntome se se iniciou algún proceso para reivindicar que se lle dedique o Día das Letras. 
Eu creo que iso é o que está detras de toda esta reivindicación, que se lle considere para esa dedicación, que sería fantástico para seguir mergullándonos na súa obra e para dalo a coñecer. Méritos tenos máis que suficientes, sobre todo, a min persoalmente paréceme un poeta maiúsculo. Tamén ten obras dedicadas a nenos, o mundo da infancia preocupáballe moito. Ten un libro, 'Non debían medrar', que non lle ten nada que envexar a 'Memorias dun neno labrego'. E logo os seus poemarios son fantásticos. 'Escolma ferida' é unha obra capital, 'Memoria de la raíz de las cosas' tamén é un poemario cheo de forza. Eu creo que ten moitos aspectos que respaldan unha posible candidatura para o Día das Letras. Evidentemente non quero comparalo con ninguén, pero creo que el de por si ten méritos suficientes. 

- Cal cres que é a razón de que sexa tan pouco coñecido?
- Eu creo que aí é evidente que durante moito tempo a súa ideoloxía foi en contra del. Moita xente desde as institucións, á parte do descoñecemento, pois deixouno de lado. E logo tamén se comentaba estes días que estamos tendo estes días arrredor da expo, é que aínda non entrou a súa obra no discurso académico, no ensino. Quizais lle falta aí un pouco. Sobre todo é o coñecemento dunha obra que puido ter sido afastada dun certo discurso oficial, e iso é o que estamos pelexando. 

- El militou sempre no PCE, non?
- Si, el foi comunista de pura cepa desde o principio até o final. Entón, por un lado, o mundo da dereita vaino deixar de lado, e el non era nacionalista, entón o nacionalismo pódeo ver como un pouco alleo. E ese espazo de indefinición prexudícao un pouco de cara a este tipo de reivindicacións. 

“Por un lado, o mundo da dereita vaino deixar de lado, e el non era nacionalista, entón o nacionalismo pódeo ver como un pouco alleo. E ese espazo de indefinición prexudícao un pouco de cara a este tipo de reivindicacións” 

- Volvendo á exposición, complétase con actividades paralelas e con obras de 22 artistas plásticos. 
- Un espazo tan grande permitiunos facer algo moi amplo. Temos unha serie de pintores de Pontevedra maioritariamente, e xogamos coa súa pintura e con fragmentos de poemas da obra de Lueiro, porque tivo tamén moita relación co mundo da pintura. Foi moi amigo de Luís Seoane, na expo hai moitas pezas dedicadas por Seoane a Lueiro. E logo da parte pictórica entramos en catro salas que xa é unha exposición puramente biográfica e arredor da súa obra. Imos seguindo o seu percorrido creativo e nun recunchiño máis persoal metemos imaxes que el mesmo tiña no seu estudo con Alberti, Seoane, Cuadrado, xunto con recortes de xornais. El adoitaba gardar todo o que ía saíndo en prensa sobre a súa obra.

- Na súa vila natal tamén están a facer múltiples actos, alén do que se está a facer en Pontevedra. Neste centenario botas en falta algo?
- A idea é xogar con ese triángulo vital seu: Fornelos, que ten un premio de poesía co seu nome; O Grove que leva aínda máis anos cun premio de novela; e faltaba un pouco Pontevedra para visibilizalo na súa cidade. Aquí temos o apoio do Concello, a propia Academia Galega a través do seu presidente, que ademais foi amigo del... Tamén a Deputación de Pontevedra está colaborando cunha futura publicación. E nós estamos contentos co que se fixo e facémolo desde esa ilusión por reivindicar a Manuel Lueiro, porque cremos que o merece

Comentarios