Luartube, o arquivo dixital da cultura popular galega

Detrás da celebración dos 1.000 programas do Luar hai un tesouro agochado: é o Luartube, o arquivo dixital que está a publicar na rede os vídeos máis destacados do buque insignia da TVG. 

luartube
photo_camera Bobby Farrell no Luar

Bobby Farrell e BoneyM, a primeira actuación de Mercedes Peón (co cabelo longo), Matto Congrio con Carlos Núñez e Anxo Pintos tocando xuntos, Ana Kiro, Cicciolina, Gayoso rapeando con Reixa... Toda a historia da maior contribución galega á cultura de masas, o Luar, está a ser colgada aos poucos no LuarTube.

Non o perdan, amantes da cultura popular. Aquí poden escoller o que lles gusta e esquivar o que non. Xurxo Souto, por exemplo, cantando a versión de BoneyM 'Berbés' co propio Bobby Farrell (que foi mariñeiro antes que cantante) ao carón. 

Busquen xoias e atoparanas. O Luartube é un pozo (con fondo, que aínda non está colgado todo) no que curiosear durante horas. “É un traballo inxente, enciclopédico. É a primeira pedra do Luar 2.0”, di Teo Manuel Abad, director do Luar, que cumpriu o pasado mes 1.000 programas en antena. “Estamos indo pouco a pouco, metendo algo todos os días, pero é moito material, é demasiado ambicioso, non sei se daremos feito porque só temos unha persoa seleccionando e subindo os vídeos, Pilar, a quen lle quero agradecer desde aquí o seu traballo”. 

Abad salienta que moitos investigadores lle reclamaron esta ferramenta “porque hai moitas recollidas aí moi valiosas”. Cita as achegas de Mercedes Peón no seu día e nas actuais de Pablo Carpintero, un dos maiores estudosos da música tradicional galega e membro do comité asesor da Unesco en materia de patrimonio inmaterial. 

Preguntado polo devir dun programa que leva liderando a audiencia logo de 23 anos en antena, Abad cre que “mentres haxa futuro na tradición, o Luar terá futuro. E creo que o hai, porque cando ves o concurso de gaita infantil e tantos nenos tocando a tanto nivel... é unha pasada!” A grande achega do Luar á cultura é esa, cre o seu director, “por aquí pasaron milleiros de persoas coa súa música, coa súa tradición, por fin tiñan unha canle onde saír”. 

Porén, amósase preocupado pola deriva do medio televisivo. “As televisións públicas estamos aguantando, pero eu véxoo complicado. A tendencia, competindo con programas como Sálvame, é terrible e a batalla é moi desigual. As privadas vulnérano todo, os horarios infantís, todo”. 
 

Comentarios