O Día das Letras viaxa do exilio até a Galiza para celebrar o poeta

Florencio Delgado Gurriarán regresa a Valdeorras, a terra que o viu nacer

A celebración das letras deste ano mestura o "descubrimento" da figura de Florencio Delgado Gurriarán cun sentimento de pertenza á terra fortemente vencellado a Valdeorras e coa recuperación do exilio mexicano. 
Florencio Delgado Gurriarán a bordo do Ipanema con Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá e Elixio Rodríguez entre outros.
photo_camera Florencio Delgado Gurriarán a bordo do Ipanema con Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá e Elixio Rodríguez entre outros.

Libres xa dos condicionantes e restricións que impuxo a pandemia, a celebración do Día das Letras Galegas ten un carácter especial este ano no que se mesturan o "descubrimento" dunha figura insuficientemente estudada, un sentimento comarcal que revela unha forte sensibilidade cara á terra, e a recuperación do exilio mexicano, até certo punto postergado no relato da posguerra. 

A obra, a personalidade e o insubornábel compromiso de Florencio Delgado Gurriarán enlazan todos estes elementos con naturalidade, como o ronsel dunha traxectoria vital enriquecida polo compromiso coa historia que lle tocou vivir. 

A elección da Real Academia Galega veu marcada pola vontade de pór o exilio mexicano en primeiro plano, de visitar un capítulo da nosa historia que merecía ser debullado con certa detención. México é Delgado Gurriarán, mais tamén Carlos Velo, Luís Soto, Bal y Gay, Caridad Mateo... Toda unha serie de persoas pouco coñecidas mais cun traballo tremendamente importante ás súas costas, das que haberá oportunidade de falar. O grupo de exiliados que levaron a cabo proxectos como as revistas Saudade e Vieiros, o Padroado da Cultura Galega ou a Alianza Nazonal Galega merece un estudo máis demorado, e o papel de Gurriarán nestes anos, como organizador e como editor de obras tan senlleiras como o Cancioneiro de loita galega, Poesía inglesa e francesa vertida ao galego ou Presencia de Galicia en México -por citar só uns poucos- eleva a un lugar principal o seu labor cultural e político no mundo do exilio. 

 

E malia a distancia provocada pola necesidade do exilio, poucas veces se viviu un Día das Letras con tanto arraigo na comarca natal do homenaxeado. Desde Valdeorras, a unidade dos concellos da bisbarra, xa desde o ano 2017, para levar a cabo a campaña "As Letras de Florencio", que demandaba que Gurriarán fose protagonista desta efeméride, transformou a celebración nunha homenaxe colectiva e popular á que se rendeu a propia Academia: despois do tradicional Pleno extraordinario -que terá lugar en Córgomo-, os académicos substituirán a comida oficial pola participación na Florenciada, unha romaría popular organizada por varias asociacións culturais da zona e polo Concello de Vilamartín de Valdeorras. 

Todo o labor vén puntuado pola difusión e coñecemento dunha obra poética realizada de maneira fragmentaria ao longo dunha vida axitada polos acontecementos históricos. A obra poética de Gurriarán reflicte o seu itinerario vital e a amplitude dos seus intereses: a paisaxe de Valdeorras, a defensa da lingua e da identidade, a loita antifascista, o encontro cunha nova cultura alén mar... A vida atópase coa literatura nunha obra que, ademais, manifesta un atento coidado pola lingua, xa sexa na observación e cultivo do galego oriental, xa no coidado e esmero que puña en crear un código aberto ao universal, enxebre sen caer no ruralizante, moderno sen recorrer ao alleo. 

O mundo editorial respondeu a este día, con multitude de biografías, escolmas e estudos diversos, mais o realmente emocionante é o número de iniciativas de asociacións culturais, colexios, institutos, artistas e colectivos de todo tipo. Unha cultura de primeira liña que atopa, finalmente, o seu lugar na terra que a viu nacer. 

Novas obras para proxectar nunha Galiza infinda

A Academia anuncia para as vindeiras semanas a edición dunha escolma, anotada e contextualizada, da correspondencia de Delgado Gurriarán con persoeiros da altura de Castelao, Seoane, Fernández del Riego ou Lois Tobío. Tamén dunha tradución ao galego da conversa que mantivo con el, en 1979, a antropóloga Dolores Pla. Son proxectos de envergadura que se suman ao tradicional simposio monográfico que decorrerá en novembro e que, sen dúbida, iluminará moitos aspectos da vida e da obra do poeta e activista de Córgomo. 

Estas e outras iniciativas -como a serie de micropezas audiovisuais na que distintas voces profundan na figura e na obra do autor- viaxan estes días polas redes, amplificando e difundindo o concepto de Galicia Infinda que defendía o poeta: a Galiza está onde hai galegos e galegas.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios