Contracultura

Lois Pérez: "Unha das protagonistas foi alumna miña en Riotorto e faríame moita ilusión dar con ela"

Lois Pérez é un home de moitos oficios. É escritor, poeta e mestre, mais até 2011 foi xogador profesional de fútbol sala. Ao longo da súa traxectoria, gañou numerosos premios, por exemplo, o Agustín Fernández Paz ou o Premio de Teatro Radiofónico. Agora vén de gañar o XVI Premio Raíña Lupa con 'A tribo do mar', unha novela xuvenil que a través das experiencias de varios protagonistas narra as traxedias que acompañan a migración utilizando o humor para falar das feridas do mundo. Ademais, esta semana foi recoñecido co premio María Victoria Moreno convocado polo Concello de Pontevedra.
Lois Pérez recibiu o XVI Premio Raíña Lupa e mais o María Victoria Moreno. (Foto: Alba Díaz)
photo_camera Lois Pérez recibiu o XVI Premio Raíña Lupa e mais o María Victoria Moreno. (Foto: Alba Díaz)

—No libro fai unha crítica á sociedade occidental. Que opina do noso rol colectivo nas crises migratorias?
Como cidadáns estamos atrapados nunha contradición difícil de resolver. Unha das orixes do problema é o desigual reparto da riqueza, que fai que uns naden na abundancia e outros pelexen por vivir. Na medida en que a cidadanía tome conciencia desta cuestión, esixirá aos seus representantes que dean pasos para cambiar as cousas.

Por suposto, temos unha parte de culpa moi grande como sociedade, mais  os poderes tamén promoven, de maneira interesada, a banalidade e o espellismo tecnolóxico para que deixemos de lado a realidade. Esta realidade é que a nosa vida ten o mesmo valor que a de calquera outra persoa na outra punta do planeta. 

—A separación das familias é recorrente no libro. Houbo algunha experiencia de alguén da súa contorna que inspirara esta historia?
Si. Unha das protagonistas é Alexandra, unha nena de ascendencia caboverdiana que vive en Burela. Esa nena hoxe terá sobre 20 anos. De feito, faríame moita ilusión dar con ela porque existe. Fun mestre seu en Riotorto hai 12 anos. Ela vivía soa con súa tía porque seu pai estaba embarcado no Gran Sol e súa nai estaba en Cabo Verde e ese é un dos motivos. O outro é pensar en todas as nenas e nenos que están separados por centos de miles de quilómetros de seus pais por supervivencia. 

—A ultradereita acusa as persoas migrantes de "vir roubar a Europa". Cal é a súa visión sobre iso?
É unha visión moi frívola da realidade. Calquera sabe perfectamente que ninguén se xoga a vida, ninguén deixa a centos de miles de quilómetros os seus seres queridos, por vir delinquir. Tentan salvar a vida. Tentan salvar a xente que queren ou a da súa tribo. Tentan ser alguén, que é un dereito que temos todas e todos neste mundo. Todas temos dereito a ser.

A moita xente estáselle denegando ser no seu propio lugar de orixe. Esta visión que ten moita xente está directamente relacionada coa ignorancia e coa mala fe. Detrás de cada persoa agóchanse feridas de todo tipo.

—Na novela tamén está presente o sentimento de soidade. Que significa pasar a ser ninguén?
Moitos negros e negras séntense así nas grandes urbes de Europa, que pensan que chegan ao paraíso e pasan a non ser ninguén. Pasan a ser un estereotipo máis para moita xente. Un delincuente máis en potencia. Un ninguén. Non se lles deixa ser, non figuran en ningunha estadística. Onde figuran os que son tratados como escravos en Libia e desaparecen sen deixar rastro? Onde figuran os que afogan sen que nós saibamos nada? Este é un libro dos ninguén, dos que non teñen nome. Precisamente a literatura fai visíbel o que non o é e dá a palabra a quen non a ten.

—No libro hai unha frase que di: “Será que estamos vendo as sombras? Quen move todo isto por detrás?".
Pregúntolle a quen le. Eu tampouco o sei. Só teño intuicións e tamén me gusta achegarme así a escribir porque eu para escribir do que sei non fago un libro. Supoño que na sombra están os grandes poderes da sociedade occidental, o gran capital, a xente que pensa que o único importante é o que temos no noso metro cadrado e que unha morte en Gaza non ten nada que ver con nós. Eu penso que non é así. Opino que calquera vida humana garda moita máis relación connosco do que pensamos.

Comentarios