Análise

Loiras con libros nas mans

Na madrugada dun día como o de hoxe de hai sesenta anos, Eunice Murray, ama de chaves de Marilyn Monroe, descubría o corpo da actriz sen vida na súa casa de Los Ángeles.
Representación de Marilyn Monre pendurada dun hotel de Portland. (Foto: Melissa Doroquez)
photo_camera Representación de Marilyn Monre pendurada dun hotel de Portland. (Foto: Melissa Doroquez)

O que era un aparente suicidio ou unha morte accidental por sobredose de barbitúricos converteuse axiña nun acontecemento coa súa propia mitoloxía. Aínda hoxe persisten diversas teorías que sinalan o suposto papel dos servizos de intelixencia estadounidenses e elucubracións que sinalan tamén á participación da propia empregada ou do psiquiatra Ralph Greenson facilitando unha morte autoinflixida pero nunca procurada realmente.

Nese momento histórico, Marilyn era xa un mito dentro do mundo de Hollywood, e a súa morte temperá, misteriosa e con elementos dunha vida atormentada contribuíu a redondealo e facelo perdurábel. Hoxe é fácil pensar na imaxe da rapaza loira case como unha icona dos Estados Unidos, unha sorte de tótem dun mundo capitalista baseado na beleza e no glamour.

Joyce e Marilyn

Marilyn foi tamén, involuntariamente, unha das bases do arquetipo da "loira burra", a rapaza apetecíbel de cabelo claro, rodeada de homes poderosos ou intelectuais pero que existía nel polo único mérito de resultar agradábel e ter un aspecto atraente. Teoricamente incapaz de manter unha conversa intelectual, e levada a representar un modelo de muller pasivo e tentador tamén no seu traballo de actriz, Marilyn Monroe non gozou dunha gran consideración neste sentido. Unha das súas imaxes máis célebres preséntaa nun traxe de baño dunha soa peza lendo atentamente o Ulysses de James Joyce, un dos libros máis complexos e influentes do século.

Non son tan estrañas as fotografías da actriz cun libro nas mans, case sempre dunha certa complexidade: a poesía de Henrich Heine, unha edición de Leaves of Grass de Walt Withman ou unha obra do que foi o seu esposo durante cinco anos, Arthur Miller. Paralelamente, a Monroe actriz representaba o tipo de muller que sostiña os libros boca abaixo, como acontece nunha célebre escena de How to Marry a Millionaire. Se cadra por iso, e durante moito tempo, a crenza xeral foi que todas esas imaxes súas lendo eran simples pousados, escenas armadas para resultar chocantes e atraentes, pero protagonizadas aínda así por unha persoa necia e sen capacidade para interesarse pola cultura.

Foi a fotógrafa daquela imaxe co libro de Joyce, Eve Arnold, unha das que desmontou esta idea, xa nos anos noventa. Atopárase casualmente con ela aquel día e confesáralle que o Ulysses era un libro que levaba no coche, que se lle facía duro, pero que lle gustaba a musicalidade da prosa de Joyce e que ás veces lía anacos en voz alta. Arnold non perdeu a oportunidade de sacar unha serie de imaxes da actriz co libro. Houbo máis pistas sobre como a maior parte da audiencia confundira a realidade cunha ficción que, xa daquela, era pouco inocente á hora de representar o papel de mulleres como Marilyn na sociedade. A catalogación da súa biblioteca descubría aínda máis cousas.

430 libros

É difícil xulgar alguén pola biblioteca que deixou atrás. Non hai certeza de que non falten volumes emprestados, que algúns estean sen vontade expresa de que quedasen alí, se houbo algunha vez unha biblioteca a medias con alguén que se repartiu tras unha ruptura. Tampouco que eses libros fosen lidos algunha vez ou cales deles o foron. Non sabemos se Marilyn acabou algunha vez o Ulysses ou se realmente leu a copia de Das Kapital que apareceu nos seus andeis. Porén, si que podemos facernos unha idea xeral de que era unha persoa inquieta, curiosa, que de certo gozaba coa lectura e que seguía a actualidade literaria do seu contexto. Tamén que tiña un apego especial aos libros da súa infancia e que mantiña un interese moi marcado pola poesía, xénero que tamén cultivaba ocasionalmente en privado.

Marilyn foi, durante unha parte da súa vida, un mito construído polo interese doutras persoas. Porén, máis aló das lendas e das simplificacións, hoxe queremos lembrar a rapaza loira que lía e tamén escribía versos que nunca pensou que saísen á luz.

Comentarios