venres 25/09/20

A lixivia para o patrimonio cultural

Nestes tempos do coronavirus e de tantas cuestións sociais a debate, o ambiente envólvese nun halo de popular lixivia. Sobre os barcos, nas lonxas, na praza de abastos, baixo os pendellos, nos cuarteis, nas latrinas, mais tamén nos templos e nos pazos. Así afecta aos bens patrimoniais. 
Efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), na praza do Obradoiro, o pasado mes de marzo (Arxina)
Efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), na praza do Obradoiro, o pasado mes de marzo (Arxina)

O cheiro urbano da Galiza, a partir das cinco da tarde, foi e segue sendo a lixivia. Si “a casa cheira a limpo”, isto é, a lixivia. A louza, a roupa, o chan da cociña... segundo o instinto da tradición requiren as súas doses de fregas de auga con lixivia. Todo recende a xabón e a lixivia, desde as mans da nai ás pedras das beirarrúas, as canellas, as prazas e as esquinas... Cheira a lixivia os que foron escenarios do formigueiro da feira, dos postos das polbeiras e dos telderetes… mostrando tamén o seu desgaste, pasada tras pasada, a golpe e arrastre de cepillos, vasoira, fregona e baldes de auga coa corrosiva lixivia.

Hai moito de psicolóxico e extraplanetario niso de varrer, fumigar, por canto comporta de exterminar e que como primitivos depredadores tamén levamos no ADN. Así que é cuestión para asumir, para observar como os mesmos cans que, aproveitando o indulto normativo, se sacaron a pasear e retornaron intoxicados e revolvendo o fociño.

E aqueles mesóns de mesas de táboas gastadas, frega tras frega a golpe de cepillo e estropallo, marcando ao cabo dos anos o relevo, a topografía das vetas da madeira, improvisadas obras escultóricas que se complementaban cando da xerra ou da cunca de louza branca se derramaba o tinto espeso. O fregoteo sobre as pedras, degradando e acelerando progresivamente a súa descomposición de micas, basaltos...

Por limpar até se limpaba -e con exceso de celo por parte dos ou das sancristás- o chan, o refectorio, o altar e mesmo os santiños de madeira, así os vemos, coas cicatrices do tempo, coas súas caras esbrancuxadas: Dolorosas aínda máis palidecidas e San Roquiños anémicos... Mal se sabían e se saben os protocolos e coidados para co patrimonio cultural.

Limpezas ás veces complementadas con outros experimentos químicos, destrutivos de canto pillan por diante: o zotal, a auga forte, o amoníaco, os deterxentes... Tratamentos que se incorporaron á educación hixiénica. Aínda que non todo vale e menos cando actuamos no patrimonio cultural, espazos e bens que requiren prudencia, consellos por parte de persoal cualificado e sensíbel co mesmo.

A lixivia, imprescindíbel na tradición galega

Na Galiza dos portos, das encrucilladas e das feiras e festas estamos experimentados en asuntos de convivencia: a tradición do caleado, que ademais de protexer a pedra e as labras, cruceiros, petos de ánimas e escudos das inclemencias do tempo, tamén tiña uso hixiénico, preventivo ante as epidemias e os contaxios, máis usada en interiores pero tamén en exteriores, até a metade do século XX, cando a estética da pedra vista se impón e medra e aparecen, descarnadas, á vista paredes que, en orixe, se complementaban cunha leitada de cal que mesmo daba vida e ennobrecía as edificacións. E entre limpezas con solucións de lixivia e deterxentes até mesmo a vimos aplicar, a alta presión e con cepillos de raíz, sobre singulares monumentos, borrando labras e até a sinatura do seu escultor, por exemplo o monumento a Curros da Coruña, obra de Asorey.

Como tantas cousas, a lixivia é un invento nacido en anos da Ilustración francesa, no século XVIII, ben o sabía o científico Louis Pasteur, entre outros. Foi no distrito de Javel, nas aforas de París e das mans de Claude Lois Berthollet, “o alquimista da lixivia”, señor que probando co novo invento do cloro e os seus efectos branqueadores deu co que chamaron inicialmente “Eau de Javel” ou lixivia de hipoclorito potásico, para máis adiante ser substituído o potasio na súa disolución con auga polo sodio, espallada e difundida polo mapamundi. Acreditando e esquecendo tamén que o seu uso abusivo pode ser fatal para a saúde. Experimentos entre os que seguimos, incentivados pola necesidade.

Os ‘Irmáns da Lixivia’

Galiza, país pois de lixivia e mesmo dos xabóns, onde seguindo os principios da Ilustración, A Coruña ou Vigo, en inicio, crearon fábricas e industrias dos mesmos, rexentadas ademais por familias defensoras dos principios revolucionarios. País da químico-farmacéutica Zeltia, referente cunha longa historia detrás. Inevitábel tamén na lembranza é a fábrica de lixivia da Coruña, que no ano 1936 vive a persecución de catro de oito irmáns, os García García, repartidores de lixivia da fábrica do seu pai: tres deles fusilados no Campo da Rata: Jaroes, o xogador do Deportivo, Bebel e France... e o cuarto, Pepín, logrou fuxir para o Uruguai, axudado por Neruda, para vivir, contalo e, ao cabo do tempo, recibir o recoñecemento da Coruña até 1996.... Triste historia da que aprender, a dos “Irmáns da Lexivia”. Fábricas que, ao cabo do tempo, irían sendo absorbidas por multinacionais. Popular lixivia conformada por hipoclorito sódico, vendida a granel en garrafóns, logo en botellas e máis a partir dos sesenta de plástico... as que contribuíron a degradar a paisaxe, material que non desbotou o ecoloxista integral Man de Camelle, que recollía cantas devolvía o mar para incluílas na súa arte do desperdicio, deformándoas con lume até lograr curiosas e polícromas esculturas. Lección ecolóxica pura da que tamén se vai apoderando, até onde deixe o coronavirus, a acultura do consumismo e do espectáculo.

Era do coronavirus, dunha educación na responsabilidade persoal e social, na hixiene no uso dos desinfectantes. Era das empresas de limpeza que deben sensibilizar e formar no uso deses produtos tan prexudiciais para pedra, a madeira, os metais... para as pinturas, os “bens non renovábeis”.

‘Coidado, cóidate, non o toques’

Pandemia que aconsella acollerse a saberes tradicionais, os da lixivia, tamén a un novo mercado de produtos químicos e a darlle ao caldeiro e á fregona. Cando non todo vale, pois ollo coas altas concentracións, a vaporización e as conseguintes reaccións tóxicas que poden causar, tanto en quen os aplica como no medio e no patrimonio. Un deses produtos é o oxidante do ozono, perigoso en altas doses. Con el fanse desinfeccións industriais, fumigacións, como as que se realizan en almacéns de madeiras ou vagóns de castañas para previlas de insectos. Prácticas que a mesma Administración emprega, en ocasións, en inmóbeis de carácter cultural, onde se albergan telas, móbeis, cadros, esculturas... que poden saír prexudicados.

Ao respecto, xa no mes de abril, o Ministerio de Cultura alertado polo Instituto de Patrimonio Cultural de España, así como pola Xunta de Conservadores e Restauradores, de profesionais do uso da máscara e das luvas no seu meticuloso traballo cos bens culturais, a través dun escrito dan recomendacións imprescindíbeis para desinfectaren o patrimonio cultural, sen provocar a súa destrución. Ponse en sobre aviso ás diferentes Administracións arredor do uso da lixivia no patrimonio cultural. Asunto ao que non son alleas as Escolas de Restauración ou a de canteiros de Pontevedra, o Instituto do Restauro e os bos profesionais da Galiza, coñecedores do que tratamos aquí. Aconséllase efectuar as limpezas neste patrimonio baixo o asesoramento e recomendacións de especialistas. Sendo ademais máis partidarios do uso do etanol disolto ao 70/100 en auga, así como das solucións hidroalcólicas ou xabóns neutros, aplicados a presión moi baixa... E sobre todo, aconsellarse e guiarse por quen sabe.

Os profesionais dos museos saben como abordar estes casos, non tanto nas dependencias públicas en edificios e entre obxectos de interese. Espazos nos que si se fai unha limpeza entusiasta, intuitiva, tradicional, máis que científica e contrastada. Advertencia que debe chegar aos responsábeis, párrocos, abades e superioras de conventos, mesmo entrar nas clausuras e cuarteis, para non provocar males irremediábeis. Advertencia baixo o lema: “coidado, cóidate, non o toques”, coa que si, nesta situación, nos adiantamos preventivamente a outros países. 

comentarios