Literatura, atención á diversidade e edición de contidos inclusivos, a debate

"O libro e a lectura", simposio organizado pola Asociación Galega de Editoras, alcanza a súa edición número XVIII cun encontro profesional onde se conversará e reflexionará sobre a edición de contidos inclusivos para a atención á diversidade.
'Piratas no recreo', de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, aborda a realidade trans. (Foto: Luz Beloso).
photo_camera 'Piratas no recreo', de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, aborda a realidade trans. (Foto: Luz Beloso).

“Libros pola diversidade” é o lema do simposio sobre o libro e a lectura que organiza este ano a Asociación Galega de Editoras (AGE). “Trátase dun encontro profesional onde se conversará e reflexionará sobre a edición de contidos inclusivos para a atención á diversidade”, adiantan desde a organización, e que xuntará representantes das editoras galegas independentes e das asociacións Arelas, de familias de menores Trans, BATA, centrada en persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias, e da Organización Nacional de Cegos (ONCE) de Pontevedra; da secretaría xeral de Educación da Xunta de Galiza, docentes, mais o filósofo, profesor e escritor José Miguel Valle. 

Dúas conferencias, un panel de experiencias e unha mesa redonda vertebran o programa de “Libros pola diversidade”, que se realizará nunha única xornada, na quinta feira 30 de setembro. O evento, en colaboración co Consello da Cultura Galega (CCG) e a Dirección Xeral de Políticas Culturais, emitirase en streaming desde o auditorio do CCG, en Compostela, e, debido á situación sanitaria, tamén poderá seguirse desde a canle de Youtube da AGE. 

A literatura como creadora de "imaxinarios colectivos" 

Cristina Palacios, presidenta da asociación Arelas, será a encargada da conferencia de apertura. En declaracións a Nós Diario, Palacios adiantou que coa súa intervención procurará pór o foco sobre diversos puntos para a mellora da atención á diversidade no ámbito da lectura e o libro. “Centrándonos nos recursos educativos, na literatura, existe moi pouca visibilidade das diversas identidades, orientacións, de expresións de xénero”, comenta Palacios, “parece que se dá por feito que as persoas lectoras de todos estes materiais van ser heterosexuais e cisexuais e que as familias van estar formadas por un pai, unha nai e uns fillos”, cando a realidade é diferente, moito máis diversa. 

"Existe moi pouca visibilidade das diversas identidades, orientacións, de expresións de xénero”, comenta Cristina Palacios, presidenta de Arelas

A literatura “debería ser un reflexo máis real” do que é a sociedade porque, ao final, “a literatura axuda moitísimo a crear imaxinarios colectivos”, valora a presidenta de Arelas, porque “hai moitas formas de vivir, de vivirse e de amarse”. “Ás veces a pouca visibilidade que se realiza das vivencias e das realidades Lgtbiq+", por exemplo, "faise reproducindo certos mitos e estereotipos que precisamos ir apartando”, apunta. 

Fomentar contidos desde o sistema educativo

A perspectiva que achega Palacios nace de acompañar a máis de 500 menores trans e de escoitar as súas necesidades. Así, lanza tamén unha chamada de atención ao sistema educativo para que se inclúan nas lecturas obrigatorias libros diversos, “que ademais temos na Galiza”, conta, e apunta obras como as de María Reimóndez, Eva Mejuto, Luz Beloso ou Iria Misa: “22 segundos, Fóra do normal, Mamá, quero ser Ziggy Stardust ou Piratas no recreo”. 

“Material haino”, di, mais é necesario incluílo, incluso de forma transversal, no sistema educativo. “Na Galiza están a facerse cousas, mais o interesante é introducilo no sistema educativo”. O profesorado “ten a obriga de comezar a utilizar estes materiais nas aulas”, afirma. Esta é tamén unha "chamada a aumentar esa visibilidade porque non facelo, ou a invisibilidade, é un tipo de discriminación e violencia cara ás persoas que non están aí representadas”.

Normalizar a diversidade 

O modo de abordar estas temáticas tamén será un dos puntos a tratar en "Libros para a diversidade". É preciso “tocar estas temáticas con moita naturalidade e desde o positivismo porque ás veces parece que só se narran historias máis escuras, máis dramáticas...”, afirma Palacios. Desde o seu punto de vista, débese ir modificando ese discurso para que a xente nova vexa que vai ter un futuro vivíbel e feliz, como calquera outra persoa. 

Nestas temáticas "tan descoñecidas", explica, "é importante ir á fonte", achegarse á xuventude, documentarse, preguntar... “Un labor moi necesario para non reproducir estereotipos ou ideas prexuizosas”, conclúe.

Programación

Á palestra de apertura seguiralle o panel de experiencias “Contidos diversos”, con Mónica Santos, da asociación BATA, e Manuela Rodríguez, directora da colección Makakiños (Kalandraka Editora); Jorge García Marín, quen tratará a integración do diferente a través da lectura; Lucía Gómez, mestra de Primaria, falando das ferramentas para a inclusión e os pictogramas; e Pilar Carballo, pedagoga do Centro de Recursos Educativos da ONCE de Pontevedra, para analizar a educación inclusiva para a integración.

Pola tarde contarán coa mesa redonda “Formatos e colección diversas”: actuación e axudas para a escola inclusiva. Plan de Atención á Diversidade, con Dolores Reboredo Nogueira, asesora de Orientación do Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia da Secretaría Xeral de Educación; seguida da Colección de Novas Lecturas e Formatos LIX: Identidade sexual, familias diversas, integración na escola, o Premio Asubío de Novela Fundación María José Jove Infancia e Xuventude para a Diversidade, a cargo de Laura Rodríguez Herrera, directora de Hércules; e a colección de Lectura Fácil de Galaxia, con Francisco Castro, editor e director xeral desta editorial. Xa ás 18 horas, o filósofo, docente e escritor José Miguel Valle ofrecerá a conferencia de clausura.

Comentarios