Opinión

Cobiza

Quero falarvos do libro de María Reimóndez que acabo de ler. Coido que hai moitos elementos nesta obra, necesaria, para reflexionar sobre eles. Una novela de ciencia-ficción tan tristemente semellante á nosa distópica realidade.

As mulleres utilizaron a ciencia-ficción, inaugurada por Mary Shelley e o seu Frankenstein, para imaxinar sociedades sen o dominio patriarcal e as súas consecuencias nas súas vidas. Dixéranlles que a ciencia-ficción non era un territorio para elas percorrer. Mais houbo escritoras de ciencia-ficción. Tapadas como en todas as outras disciplinas da arte, da ciencia, da política. Até que, nos anos 60, co auxe da terceira onda do feminismo, aparecen autoras que cuestionan, dende a posibilidade que outorga a visión dun mundo futuro, as relacións de poder entre os seres humanos, o sexismo, a maternidade como obxectivo e realización das mulleres, o reparto desigual de obrigas e dereitos. 

A esa listaxe súmase de honra María Reimóndez, quen demostrou un amplo manexo en todos os xéneros literarios, e que aquí constrúe unha novela tan distópica como esperanzadora.

Cobiza, unha obra valente, condensa no seu nome a esencia da trama. María sabe que a orixe dos males está na Cobiza, que xera mundos e submundos de pobres pobrísimos e ricos riquísimos. Dominados polos mercenarios medios de des-información masiva, pérdense a conciencia de clase e o sentido da solidariedade, e concéntranse, nunha burbulla inalcanzábel, as riquezas producidas polas maiorías (sobre todo, as mulleres), o que confire ás elites un poder absoluto sobre as nosas vidas e as nosas mortes.

Comentarios