Un libro celebra os vinte anos da marca Rei Zentolo

O volume reproduce a totalidade das propostas postas á venda durante estas dúas décadas.
Deseño de Rei Zentolo
photo_camera Deseño de Rei Zentolo.

A Editorial Galaxia presenta a vindeira cuarta feira, 26 de xuño, Antes molábamos máis, un volume colectivo que celebra o vixésimo aniversario da marca galega Rei Zentolo. No acto, participarán Pablo Rodríguez, director creativo de reizentolo, e Francisco Castro, director xeral de Galaxia. 

O volume repasa a traxectoria ao longo de dúas décadas dunha das marcas máis potentes e coñecidas do noso país. Antes molábamos máis, con case 250 páxinas, aparece cun deseño rachador, dinámico e vangardista, tamén iconoclasta, como corresponde ao “espírito zentolo”. 

O libro, no que participan destacadas sinaturas da arte e o deseño galego, non deixa un só deseño atrás, co cal o libro reproduce a totalidade das propostas postas á venda durante estes 20 anos, xa non só nas camisetas, senón noutro tipo de prendas, así como en carteis de festas, ou deseños industriais de todo tipo.

Unha viaxe a través de dúas décadas de deseño

A publicación revisa a produción e o impacto desta marca e faino dende un planteamento divertido e retranqueiro, como ten que ser cando dos “zentolos” falamos. No libro escriben, entre outros, Anxo Angueira, Xurxo Souto, Francisco Castro, Óscar Sendón, Kiko da Silva, Alberto Ruiz de Samaniego, Diana López Varela, David Amor, Ana Cabaleiro, Inma López Silva, Marilar Aleixandre ou Mercedes Corbillón. 

O libro convértese nunha apaixonante viaxe que percorre as dúas décadas transcorridas desde aquel afastado 2003 no que un grupo de amigos deseñadores soñan un proxecto que, vinte anos despois, converteuse nun referente na Galiza e no conxunto do Estado pola orixinalidade, pola retranca e pola calidade artística dos seus deseños.

Comentarios