Cultura friki e videoxogos únense nun mesmo evento en Pontevedra

A asociación pontevedresa Gaming Troop organizará os días 27 e 28 de agosto no Recinto Feiral da cidade un evento con videoxogos e lecer co nome de 'Lérez Up'.
Un dos encontros da asociación pontevedresa Gaming Troop (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un dos encontros da asociación pontevedresa Gaming Troop (Foto: Nós Diario).

O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá os días 27 e 28 de agosto un evento que mesturará novas tecnoloxías, videoxogos, competición e lecer a distintos niveis. A cita, que ten o nome de Lérez Up, está organizada pola asociación pontevedresa Gaming Troop, que vén traballando co Concello de Pontevedra ao longo dos últimos anos con distintas accións de divulgación, lecer e socialización. 

O concelleiro de Mocidade e Novas Tecnoloxías do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, afirmou onte na presentación da iniciativa que a proposta chega cunha idea clara de ofrecer "un espazo seguro e amábel" para toda a mocidade "e tamén aos adultos" que gocen da "cultura friki".

A programación, segundo o edil, xa está "fechada ao cento por cento", pero tamén avisou de que "na práctica o evento seguirá crecendo de aquí e até o seu día". 

Lérez Up ofrecerá unha serie de torneos competitivos de Smash Bros Ultimate, ademais de League of Legends, Valorant, Tekken, Guilty Gear ou Just Dance. Tamén haberá seccións de xogo libre e espazos para desenvolver outro tipo de actividades como un certame de cosplay, xogos ao aire libre, exposicións, conferencias e diferentes casetas relacionadas coa cultura friki. 

O premio final superará os mil euros

Desde a asociación Gaming Troop, a súa representante, Sonia Piñeiro, recalcou a súa satisfacción pola cesión do Recinto Feiral para "poder ter un evento deste calibre".

A agrupación local dispuña antes da pandemia dun local propio ao que tiveron que renunciar por mor das medidas sanitarias tomadas durante a crise sanitaria.

A día de hoxe, as inscricións do evento xa están abertas, e nalgúns campionatos, como é caso de Super Smash Bros. Ultimate, xa hai máis de 80 persoas anotadas. Este será o único dos torneos que conta cunha inscrición de pago.

Para inscribirse e participar é necesario facelo a través da plataforma Smash antes de 20 de agosto. Estas entradas irán destinadas a custear os premios.

De feito, o premio final estará formado polo bote recadado coas inscricións, máis mil euros, que se dividirán entre os 8 primeiros clasificados, no caso do xogo individual.

Comentarios