Leilía serán as pregoeiras das festas do Apóstolo, nas que haberá concertos de Sarah Maccoy e Ángel Stánich

O cartel da edición de 2023 foi deseñado por Pepe Barro

A concelleira de Cultura Pilar Lueiro, e a pandereteira Montse Rivera, co cartel deseñado por Pepe Barro. (Foto: Concello de Compostela)
photo_camera A concelleira de Festas Pilar Lueiro, e a pandereteira Montse Rivera, co cartel deseñado por Pepe Barro. (Foto: Concello de Compostela)

A banda de pandereteiras Leilía será a pregoeira das festas do Apóstolo, que se celebrarán do 20 ao 31 de xullo en Santiago de Compostela de forma descentralizada e con concertos de Sarah Maccoy, Xabier Díaz e Ángel Stanich, ademais de espectáculos de danza e a tradicional queima de fogos artificiais o día 24.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta quinta feira, a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, explicou que se trata de actividades para "diversos públicos e en diversos espazos da cidade" e que incluirán, por primeira vez, un "horario inclusivo sen ruído". Este terá lugar durante os días 22, 28 e 29, entre as 17,00 e 19,00 horas.

Da mesma maneira que nos últimos anos, as festas realizaranse de forma descentralizada pola cidade compostelá, con espectáculos na Alameda, o Parque de Galeras, Praza da Quintana, Praza de Mazarelos, Auditorio da Galiza e Parque de Bonaval.

Ademais, na rolda de prensa, o técnico de cultura, Suso Amado, informou que o Concello investirá case 500.000 euros nos festexos, sen contar o orzamento co espectáculo dos fogos artificiais.

En canto á estimación de público, a concelleira destacou que non hai un número exacto de turistas esperados, xa que os espectáculos ocorrerán ao aire libre, pero a expectativa é que a cidade "vai estar a lume de biqueira".

Cartel das festas

Suso Amado explicou que o cartel deste ano é unha homenaxe feita por Pepe Barro a un deseñador galego que viviu moito tempo en California e inspírase na "psicodelia", os ambientes de "festas, de discotecas, en que os xogos de luces permitían que estes carteis tivesen un efecto de movemento".

Cartel deseñado por Pepe Barro. (Foto: Barro Deseño)
Cartel deseñado por Pepe Barro. (Foto: Barro Deseño)

Así, este efecto de movemento pode ser percibido co uso de lentes 3D, coas que se pode ver a imaxe sobreposta dun home e unha muller, co que tamén se busca dar unha "idea de igualdade" destes festexos.

Aínda que o Concello non porá ao dispor lentes 3D, nalgunhas presentacións que ocorrerán na Praza da Quintana o efecto será percibido a través de gifs, para que a xente observe a idea de movemento e de igualdade a que remite o cartel.

Comentarios