Lectura pública de Manuel María para o 23 de abril

A Fundación Manuel María promove a lectura pública da obra do escritor para o 23 de abril, Día do Libro, a través da actividade “Manuel María, na túa voz”. Haberá actos en todas as cidades do país e tamén en centros galegos do exterior. 

manuelmaria-lectura
photo_camera Acto de presentación da iniciativa na Coruña

A Fundación Manuel María, a través da súa presidenta Saleta Goy e o seu secretario Alberte Ansede, presentou onte a actividade Manuel María, na túa voz. A actividade que promove a Fundación consistirá na lectura pública da obra Manuel María o vindeiro día 23 de abril, Día Internacional do Libro, en distintas cidades e vilas de Galiza. 

Esta actividade, segundo informou a Fundación, acordouse recentemente coa FEGAMP trasladala a todos os concellos de Galiza para que en torno ao día 23 de abril ás 12 horas os concellos, xunto ás entidades culturais, veciñais, deportivas…, se animen a convocala. Ferrol, Pontevedra, Ourense, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Lalín son algúns dos lugares onde xa se coñece que se realizarán estes actos, os cales serán organizados nalgúns casos por entidades culturais con ou sen colaboración dos concellos, e noutros polas propias entidades municipais. Tamén haberá actos nalgúns centros galegos de Europa e doutros lugares do mundo. 

Os representantes da Fundación Manuel María tamén fixeron fincapé en que os centros educativos participen da actividade, quer preparando co alumnado distintas lecturas para acudir conxuntamente coas persoas adultas o sábado 23 de abril, quer celebrando, na véspera, a devandita actividade nas propias escolas.
 

Comentarios