Kiko da Silva sobre o Día de Rosalía

“Sen Rosalía o feminismo galego non estaría tan avanzado”

Para o debuxante Kiko da Silva (Vigo, 1979), Rosalía de Castro é posicionarse coas persoas subalternas. Por iso identifica a figura da poeta coa emancipación feminista e a dignificación dunha lingua negada, o galego. “Sen ela, o feminismo galego non estaría tan avanzado, aínda que haxa moitas eivas, por suposto”, considera a véspera do Día de Rosalía de Castro.
 

kiko da silva
photo_camera O debuxante Kiko da Silva.

Este sábado 24 de febreiro fará 181 anos do nacemento da poeta. “Foi unha pioneira. A súa valentía como muller e para reivindicar unha lingua como o galego, que non estaba ben vista, é impresionante”, engade Da Silva, quen lembra que o de Rosalía non foi precisamente un camiño de rosas: “Menosprezárona e aldraxárona en vida. Agora vémola mitificada, pero iso foi despois da súa morte”.

Da Silva, amais de caricaturista de prensa e ilustrador de renome na literatura infantil e xuvenil, tamén traballa no mundo da banda deseñada. Fai memoria e relata como entrou en contacto coa poeta: “Eu non son un rapaz de aldea. Nacín en Vigo e, agás os meus avós, ninguén me falaba galego. Son un neofalante. Como tantas outras persoas da miña xeración, coñecimos Rosalía de Castro grazas ao labor dos mestres de galego”.

Aquela toma de contacto levouno a familiarizarse coa obra da autora de Cantares Gallegos (1863). E se ten que escoller unha peza, escolle o poema de Follas Novas (1880) Negra sombra. “É moi pouco habitual que un texto literario teña tanta forza”, di, “e define moi ben o sentir das galegas e o galegos perante o mundo”.

A famosa composición pasou ao imaxinario popular con música de Xoán Montes e nunha infinidade de versións diferentes. Kiko da Silva conclúe categórico: “Para min porque xa temos himno, senón Negra sombra sería o himno galego”.

Comentarios